Pablo Díaz esixe solucións "urxentes" aos cortes de auga en Abadín

O voceiro do Grupo Municipal Socialista de Abadín, Pablo Díaz, esixe ao goberno municipal do PP solucións urxentes aos problemas de abastecemento que sofren veciños e veciñas de distintas parroquias, con cortes, falta de presión e mesmo días sen auga nas súas vivendas. A formación presentou onte, 2 de novembro, unha solicitude colectiva no Concello, coas sinaturas das persoas afectadas, para reclamar que se investiguen as causas e se adopten as medidas necesarias para garantir o servizo.
Díaz denuncia as consecuencias destas deficiencias na vida cotiá das familias e advirte de que non se trata dun problema illado. “Parece incrible que nun municipio como Abadín, un dos concellos galegos con máis días de chuvia, haxa tantos veciños que sigan tendo problemas de falta de auga”, sinala.
O voceiro explica que a recollida de sinaturas traslada ao Concello unha reclamación compartida por persoas de diferentes parroquias e insiste en que a veciñanza merece unha solución. Neste sentido, reclama ao PP que aclare en que condicións se atopa a rede de abastecemento, se existen fugas e se se está a realizar o mantemento necesario.
Para Díaz, é responsabilidade do equipo de goberno investigar a orixe dos cortes e da falta de presión, identificar que está fallando e actuar para resolver as deficiencias. A solicitude presentada busca que o Concello dea resposta aos problemas das persoas afectadas e garanta a continuidade da subministración.
Así mesmo, o socialista esixe explicacións sobre os investimentos que destina o Concello a manter e mellorar este servizo básico, tendo en conta os ingresos municipais vinculados aos parques eólicos. “As e os veciños teñen dereito a saber en que se empregan os recursos do concello”, afirma.
O PSdeG reclama que a petición presentada se traduza en actuacións que resolvan os problemas das familias. “A auga non é un luxo. É un dereito básico, e garantir o seu abastecemento debe ser unha prioridade para calquera alcalde”, subliña Díaz, que reafirma o compromiso da formación de seguir traballando e reclamando solucións para as e os veciños de Abadín.