Pablo Díaz repetirá como candidato do PSOE á Alcaldía de Abadín

TerraChaXa
O actual secretario xeral da Agrupación do PSdeG e Voceiro municipal en Abadín, Pablo Díaz, será o candidato socialista á Alcaldía
PABLO DIAZ VOCEIRO SOCIALISTA ABADIN
PABLO DIAZ VOCEIRO SOCIALISTA ABADIN
9 mar 2023

O actual secretario xeral da Agrupación do PSdeG e voceiro municipal en Abadín, Pablo Díaz, será o candidato socialista á Alcaldía nas eleccións do vindeiro 28 de maio. “Esta nova convocatoria electoral ten que servir para rematar con 40 anos de goberno inútil de Lopez Rancaño. Percibimos que a xente está moi cansa e moi cabreada da desatención política que vivimos na nosa vila”, dixo Díaz.

O candidato socialista, que concorre de novo ás eleccións, avanzou que xa ten moitas propostas para incluír no programa electoral, e que ademais está dialogando con moitos veciños e veciñas “para poder ter un documento real das necesidades da vila e de tódalas parroquias”.

Tamén anuncia novas incorporacións á lista socialista, “son xente moza, entre a que se inclúen máis mulleres, que están fartas dos constantes menosprezos do Alcalde, así como da súa nula implicación na xestión política municipal e no futuro da vila”, advertiu.

Etapa crucial

Díaz remarcou que “estamos diante dunha etapa crucial para conseguir que Abadín aproveite o tirón do Camiño para medrar e asentar poboación, así como impulsar e desenterrar outros proxectos vitais para a actividade económica, como son o parque empresarial e a construción dunha nova residencia. Abadín non pode esperar nin un minuto máis para engancharse ao carro dun Goberno progresista. Temos que ser capaces entre todos de rematar con esta parálise e coas constantes decepcións políticas do PP na nosa vila”, recalcou.

No 2019 o Grupo Socialista de Abadín pasou de 2 a 4 concelleiros

O candidato socialista á Alcadía de Abadín, Pablo Díaz López (1975), ten estudios de administrativo. É membro da corporación municipal dende o ano 2011 e traballa en TRAGSA. Nas pasadas eleccións municipais do 2019 o Grupo Socialista de Abadín incrementou considerablemente o seu resultado electoral, xa que de dous representantes que tiñal acadou os 4 concelleiros actuais, quedando a menos de 100 votos da Alcaldía.