Pais de Baamonde reivindican no Camiño de Santiago o desmantelamento do rural
Un grupo de pais e veciños de Baamonde uníronse á nova mobilización organizada desde a Federación de Anpas da Provincia de Lugo (Fapacel) e a Coordinadora de Anpas Galegas, para esixir ao Concello de Begonte e á Xunta de Galicia que non pechen o colexio de Baamonde.
Esta vez, a protesta consistiu na realización dun tramo do Camiño de Santiago con ditas reivindicacións, que se fundamentan tamén en alertar sobre o desmantelamento do rural.
Nesta iniciativa participou tamén a Anpa de Baamonde e a asociación de veciños local, impulsoras de todas as iniciativas postas en marcha dende que se deu a coñecer o proxecto presentado polo acalde de reunificar todo o alumnado en Begonte e utilizar as instalacións de Baamonde para albergar unha escola e música comarcal.
Os asistentes realizaron un tramo do Camiño de Santiago de 18 quilómetros desde a praza de Santa María de Vilalba, á primeira hora da mañá, ata Baamonde, onde se concentraron fronte ao colexio.
A marcha foi recollendo simpatizantes polo camiño, especialmente en Insua, onde se xuntou un grupo numeroso.
Entre os asistentes, ademais de alumnos e membros das entidades convocantes, estiveron as alcaldesas de Vilalba e Guitiriz, Elba Veleiro e Marisol Morandeira; o deputado provincial Pablo Rivera Capón, a deputada do PSOE por Lugo no Congreso Ana Prieto, José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ou o deputado autonómico do BNG Mini Rivas.