Paraíso do oxímoro
Por Rebeca Maseda
“Los libros no eran una canción que se cantaba con la mente, como ahora, sino una melodía que saltaba a los labios y sonaba en voz alta. El lector se convertía en el intérprete que le prestaba sus cuerdas vocales”. Fermosura absoluta de reflexión en torno ao concepto de “libro”, mesmo comezando cunha frase en negativo. Xusto estou lendo “El infinito en un junco” de Irene Vallejo e non podía deixar de repetir esta frase en alto, cal oradora en solitario. Está claro que cando unha persoa escribe con tal paixón sobre algo demostra o seu amor e xenerosidade, e para min, é rotundamente admirable, inspirador e marabilloso. No medio dun mundo tolo e dunha sociedade inmersa nunha pandemia e na que parece que a vida se poidera reducir a un slogan barato, quero e necesito pensar que a xente brillante, intelixente e brava sempre sairá adiante, independentemente de onde proveña.
Existen persoas excepcionais en calquera ámbito vital e profesional: política, cultura, ciencia, etc. Mulleres e homes que nos aportan “música celestial”, razón e lóxica coas súas palabras e actos no medio de tanto ruído... Un claro exemplo é Irene Vallejo (Zaragoza, 1979), doutora en filoloxía clásica que nos agasalla cun universo literario infinito coa súa última publicación, o ensaio “El infinito en un junco”. Este libro, un auténtico best-séller, representa á perfección o paradigma de produto cultural de calidade e cun alto nivel de consumo. E matizo isto porque, en ocasións, emprégase o cualificativo de “best-séller” como algo negativo cando non necesariamente é así. Con isto quero dicir que a dicotomía entre produto popular ou “de moda” -mainstream en “lingua moderna”- igual a “sen calidade” e produto subversivo ou revolucionario -outsider en “lingua moderna”- igual a “con calidade”, non é, para nada, unha afirmación que se axuste ao mundo real.
O que non podemos negar é a dificultade de poder sacar adiante un produto cultural cando non se axusta a certos parámetros das correntes ou modas dominantes, e por suposto, sen ter presenza nas redes sociais. Basicamente, non existes. Digamos que hai que “bailar” certa danza ritual para poder “nadar” favorablemente nas augas das institucións públicas e dos medios de comunicación sen afogar no intento. Con isto non quero dicir que necesariamente dita adaptación teña que ser algo negativo ou que implique un empeoramento cualitativo, para nada. Só que é moi importante traballar con moita ilusión, forza e convicción para non perderte ti mesma en augas revoltas...
Sempre é moi complexa a disxuntiva que se nos presenta á hora de atopar o equilibrio entre ser fieis ás nosas ideas, aos nosos principios e adaptarse ás diferentes circunstancias ou situacións que implica a vida persoal e profesional. É máis, paréceme realmente admirable a xente que é capaz de liderar un proxecto -polo tanto, un grupo humano- con naturalidade, humildade e xenerosidade; ingredientes básicos da líder carismática. Traballar moi duro e sen dar nada por sentado xamais, máxima que considero fundamental e moi importante. Sen esquecer un “gracias” ou un “por favor”, palabras que sempre deben resoar con forza en calquera lugar e con calquera persoa.
Normalizar a mediocridade, o egoísmo e a hipocresía é un camiño realmente perigoso que nos acabará destruíndo como sociedade. Un virus letal que arrasa con todo e con todxs. Afortunadamente existe o paraíso artístico e cultural dos libros, da música, dos cadros; illas infinitas onde reina a imaxinación, a creatividade e a beleza e onde “as Irene Vallejo” son as líderes absolutas e incuestionables. Imaxinemos unha illa onde, por qué non, o “mainstream” e o “outsider” viaxan na mesma dirección, na procura obsesiva da calidade e a excelencia sen pensar en intermediarios ou consumidores. Sinxelamente unha illa de saber e fermosura a esgalla. Relendo estas liñas en voz alta -como se facía antano segundo Vallejo- e sendo franca, a illa que describo semella máis ben un oxímoro: música silenciosa, cores cegas, lume xeado, luz escura... Pero non importa, soñar é gratis e eu quero crer na idea do «mainstream outsider» ou a filosofía do imposible.
Espertemos do longo letargo dun mundo baleiro e mediocre sen dar xamais nada por sentado, porque o día que iso pase, estaremos -falando claro- na merda.