Parga acolle este sábado o I Encontro Ecolóxico Galego, que se complementará cun magosto

TerraChaXa
A cita contará con mercado, obradoiros, debates e actividades para todos os públicos, coa sustentabilidade e o rural galego como protagonistas
encontro-ecoloxico-galego-na-feira-de-parga
30 Oct 2025

Parga acollerá este sábado, 1 de novembro, o I Encontro Ecolóxico Galego, unha iniciativa impulsada pola Plataforma Proecogal que conta co apoio da Deputación de Lugo. O evento celebrarase no Campo da Feira de Parga, coincidindo co tradicional espazo feiral da localidade.

A Deputación de Lugo colabora con este evento, poñendo á disposición da organización unha carpa para o seu desenvolvemento e apoiando a súa difusión pública, co obxectivo de dar visibilidade ao traballo das persoas e entidades que apostan pola produción ecolóxica e polo consumo responsable.

O I Encontro Ecolóxico Galego celebrarase durante toda a xornada do venres 1 de novembro, no Campo da Feira de Parga, con entrada libre e actividades para todos os públicos. De 10:00 a 19:00 horas estará aberto o mercado ecolóxico, con postos de produtoras e produtores de toda Galicia, entre os que se atopan Ana da Cernada, Isabelle Gómez, Nuska Chousa e Mar Pérez Fra, que ofrecerán alimentos, cosmética natural, plantas, artesanía e outros produtos sostibles.

A partir das 11:00 horas comezarán os obradoiros formativos e demostrativos, cunha ampla oferta de actividades: cociña ecolóxica e de tempada a cargo da recoñecida chef Begoña Vázquez, un obradoiro artístico con materiais naturais dirixido por Martín Mantilla e Lola Tourón, e iniciación á cerámica ecolóxica con Víctor Uriz, combinando tradición e sustentabilidade.

Pola tarde celebrarase unha mesa redonda na que participarán diferentes voces do sector ecolóxico galego, que abordarán os retos e oportunidades do ecolóxico en Galicia, dende a produción ata o consumo, pasando pola educación ambiental e o papel do rural como motor de cambio. Durante toda a xornada haberá tamén espazos de degustación, música ambiente e actividades para público infantil, co obxectivo de crear un ambiente de aprendizaxe, convivencia e posta en valor do rural galego.

MAGOSTO

Esta programación complementarase coa celebración dun Magosto Terrorífico a partir das 19.00 horas, organizado por O Txoko en colaboración co Concello e o PargaRock.

Haberá festa de Samaín con premios para os disfraces máis terroríficos e castañas e viño de balde para todos os asistentes. Estará amenizado polas actuacións de DJ Coutinho e da banda ferrolá Callos Gratis.

A recadación da festa irá destinado a sufragar os gastos da próxima edición do festival de música.

⚙ Configurar cookies
0.074882030487061