Parga celebra as festas na honra de San Roque con catro días de actividades

Parga prepárase para vivir desde este venres, 21 de agosto, as súas festas na honra de San Roque, cun programa que se prolongará ata o luns 24 e que combina sesións de verbena, música, gastronomía, actos relixiosos, fogos artificiais e propostas especialmente pensadas para a veciñanza máis nova.
A programación dará comezo esta noite, cunha sesión de pirotecnia ás 21.30 horas. A continuación, ás 22.00 horas, ofreceranse chourizos, liscos e pan de balde, como antesala da Festa da Xuventude, que arrancará ás 23.00 horas coa actuación do Disco Móbil Euphoria.
O sábado 22 a actividade comezará ás 14.00 horas cunha nova sesión de pirotecnia. Ás 14.15 horas terá lugar a sesión vermú, amenizada polo Dúo Explosión, formación que tamén protagonizará a verbena nocturna, a partir das 23.00 horas, xunto co Disco Móbil Extar Euphoria.
O domingo 23 estará marcado polos actos relixiosos, coa misa solemne e a procesión na igrexa parroquial ás 13.30 horas. Media hora despois haberá unha sesión de pirotecnia a cargo de Rocha Areas. A continuación celebrarase unha gran sesión vermú coa orquestra Ardores.
A música continuará pola noite coa gran verbena, que comezará ás 21.00 horas e contará coas orquestras Ardores e Salsarena. Segundo o programa, ambas formacións ofrecerán tamén dúas cancións conxuntas. Á medianoite haberá unha pausa na verbena para dar paso a unha gran sesión de fogos artificiais, novamente a cargo de Rocha Areas, antes de retomar a festa ás 00.30 horas.
O luns 24 chegará a última xornada das celebracións. Ás 14.00 horas haberá unha nova sesión de pirotecnia e, ás 14.15 horas, a sesión vermú coa orquestra Trébol. Pola tarde, ás 17.00 horas, os máis pequenos serán os protagonistas coa gran festa infantil.
A programación festiva pecharase pola noite, a partir das 22.00 horas, cunha verbena e fin de festa a cargo de La Banda de Ayer e da orquestra Trébol.
O cartel anuncia tamén unha nova cita para o calendario festivo de Parga: o sábado 26 de decembro celebrarase a Festa de San Estevo 2026, que contará cunha sesión vermú, cunha actuación aínda por decidir, e cunha verbena nocturna coa orquestra Los Satélites.
As celebracións contan coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Estevo de Parga, negocios e veciñanza de Parga, a Feira de Gando e Veciños do Campo da Feira, o Centro de Iniciativas e Turismo de Parga e autónomos e colaboradores, entre outras entidades, e están organizadas pola Comisión de Festas San Roque 2026/27.