Parga estreará o I Cross Popular Vila de Parga o 26 de setembro no marco da Feira de Nadal

A Carballeira de Parga acollerá o vindeiro 26 de setembro, a partir das 16.30 horas, a primeira edición do Cross Popular Vila de Parga, unha cita deportiva organizada no marco da Feira de Nadal de Parg,a do novo colectivo Obradoiro de Soños, e dirixida a participantes de todas as idades.
A proba contará con carreiras para as categorías Mini e Adaptada, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16, Sub-18 e Absoluta, ademais dun relevo mixto e dunha Fila 0 para aquelas persoas que desexen colaborar coa celebración do evento sen participar na carreira. As distancias oscilarán entre os 550 metros das categorías inferiores e os cinco quilómetros da proba absoluta.
A recollida de dorsais realizarase no Bar CIT de Parga desde as 14.30 horas e ata 45 minutos antes do inicio de cada carreira. Todos os corredores disporán de avituallamento, patrocinado por Gadis, e haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.
Ao remate das probas comerase unha paella no Bar CIT de Parga, elaborada por David Vázquez Varela, para todas as persoas con dorsal, incluída a Fila 0. Ademais, as 200 primeiras persoas en recoller o dorsal recibirán un agasallo sorpresa e durante a xornada realizaranse sorteos de diferentes premios, entre eles bonos para o Balneario de Guitiriz, sesións de fisioterapia, vales de compra e descontos en establecementos colaboradores.
A organización tamén anunciou que todos os participantes terán un desconto especial en Deportes A Chaira e que durante a tarde haberá música e outras sorpresas. As inscricións permanecen abertas a través da plataforma CCNorte.
O evento conta coa colaboración do Concello de Guitiriz e busca combinar deporte, lecer e convivencia, converténdose nunha das novidades da programación da Feira de Nadal de Parga deste ano.