Parga prepara o seu primeiro Cross Popular con 250 inscritos

TerraChaXa
As 200 primeiras persoas que recollan o dorsal recibirán un agasallo sorpresa e ao longo da tarde realizaranse sorteos de premios
presentacion-cross-popular-parga
24 Sep 2026

A Carballeira de Parga acollerá este sábado, 26 de setembro, a partir das 16.30 horas, a primeira edición do Cross Popular Vila de Parga, unha nova cita deportiva que pretende reunir participantes de todas as idades e combinar actividade física, convivencia e dinamización da localidade. A inscrición está pechada e que completou os 250 atletas.

A iniciativa está promovida pola asociación Obradoiro de Soños e o CEIP Santo Estevo de Parga, coa colaboración do Concello de Guitiriz, a Feira de Parga e o Club de Atletismo Guitiriz.

O evento nace coa intención de crear unha actividade deportiva de carácter familiar que contribúa a fomentar hábitos de vida saudables e, ao mesmo tempo, sirva para impulsar a vida social de Parga. Así o explicou Alba Fernández Novo, integrante de Obradoiro de Soños, durante a presentación da proba, celebrada no Muíño de Parga.

O Cross Popular Vila de Parga contará con diferentes carreiras adaptadas ás distintas idades e niveis. A primeira saída será para as categorías Mini e Adaptada, cun percorrido de 250 metros, mentres que os participantes sub-10 afrontarán unha distancia de 550 metros. A categoría sub-12 percorrerá 1.200 metros, equivalentes a unha volta ao circuíto habilitado na contorna da Carballeira de Parga.

Os atletas sub-14 e sub-16 deberán completar dúas voltas ao percorrido, mentres que os sub-18 afrontarán unha distancia de 3.600 metros. A competición pecharase coa proba absoluta, na que os participantes terán que completar cinco quilómetros repartidos en catro voltas ao circuíto.

Ademais das carreiras individuais, o programa inclúe un relevo mixto e unha Fila 0 destinada ás persoas que queiran apoiar a iniciativa sen participar directamente nas probas. As inscricións están abertas a través da plataforma CCNorte.

A recollida dos dorsais terá lugar no Bar CIT de Parga a partir das 14.30 horas e permanecerá aberta ata 45 minutos antes do comezo de cada carreira. Todos os participantes contarán con avituallamento, patrocinado por Gadis, e haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

A xornada terá tamén un importante compoñente gastronómico e festivo. Unha vez rematadas as carreiras, as persoas participantes poderán desfrutar dunha paella no Bar CIT de Parga, elaborada por David Vázquez Varela, unha actividade incluída para todas as persoas con dorsal, tamén para as inscritas na Fila 0.

A organización preparou ademais diferentes incentivos e actividades complementarias. As 200 primeiras persoas que recollan o dorsal recibirán un agasallo sorpresa e ao longo da tarde realizaranse sorteos de premios, entre eles bonos para o Balneario de Guitiriz, sesións de fisioterapia, vales de compra e descontos en establecementos colaboradores. Os participantes tamén disporán dun desconto especial en Deportes A Chaira.

Música e outras sorpresas completarán unha programación coa que Obradoiro de Soños pretende converter esta primeira edición nunha celebración aberta á veciñanza. O Cross Popular Vila de Parga intégrase na programación da Feira de Nadal de Parga e aspira a consolidarse como unha nova actividade deportiva e de convivencia para a localidade.

0.12150502204895