Parga Rock quenta motores cunha sesión vermú especial de presentación do merchandising do festival

TerraChaXa
Os asistentes tamén poderán degustar racións a prezos populares mentres gozan da música en directo e do ambiente festivo
sesion-vermu-parga-rock
1 Jun 2026

A parroquia de Parga acollerá o vindeiro sábado 6 de xuño unha sesión vermú organizada polo colectivo Parga Rock como antesala da próxima edición do festival. A cita servirá tamén para presentar oficialmente o merchandising de 2026, que estará dispoñible para a súa adquisición durante a xornada a prezos especiais.

O apartado musical correrá a cargo das bandas Replicantes e Wilson’s Band, que ofrecerán versións de coñecidos temas do rock e do pop español. A programación completarase coa actuación do DJ Coutinho, encargado de manter o ambiente festivo ao longo da tarde.

Desde a organización explican que a cantina instalada no recinto contribuirá a sufragar parte dos gastos da celebración do festival prevista para o mes de setembro. Ademais, destacan que a venda de merchandising durante esta xornada constitúe unha forma de agradecer o apoio do público asistente e das persoas que colaboran coa iniciativa.

Os asistentes tamén poderán degustar racións a prezos populares mentres gozan da música en directo e do ambiente festivo. O colectivo organizador anima á veciñanza e aos afeccionados ao rock a achegarse a Parga para compartir unha tarde de convivencia e música en directo arredor dun dos eventos culturais máis consolidados da zona.

0.10093402862549