Parganonsedivide pide o desconfinamento do centro de saúde local
Dende a asociación #Parganonsedivide esixen das diferentes administracións sanitarias o comezo do “desconfinamento” do centro de saúde de Parga que cumpriu recentemente un ano pechado sen viso de retorno á súa actividade normal.
Para conquerir iso, #Parganonsedivide reclama un “plan de desconfinamento” do consultorio que pasaría por unha primeira fase a aplicar de xeito inmediato na que se recuperarían os servizos completos de enfermaría en Parga os días que actualmente empregan para as extraccións de sangue: martes e xoves. “Non entendemos porque os días nos que se desprazan a Parga a facer extraccións de sangue a ATS e o PSX, non o fan durante toda a xornada e realizando tódalas funcións que viñan realizando en Parga. Analíticas, curas, tomas de mostras e tensión, etc, ademais da vacinación da Covid. Non ten lóxica que haxa persoas facendo unha analítica ás nove da mañán en Parga que despois se teña que desprazar a Guitiriz a facer unha cura ou a vacinarse ás once e media” sinalan dende a asociación veciñal e lembran que “o centro médico de Parga segue a cumprir os estándares sociosanitarios e se se poden extraer mostras de sangue, tamén se poderá vacinar”
Na segunda fase da petición de #Parganonsedivide, que se aplicaría a partir dos primeiros días de maio, o centro de saúde de Parga recuperaría de xeito diario a ATS e mais o PSX e un dos dous médicos desprazados en Guitiriz que, mentres durase esta situación, atendería só a pacientes xá vacinados. “A primeiros de maio, atendendo ao que nos dí o Sergas, estarán vacinados os veciños e veciñas maiores de 80 anos, que supoñen unha porcentaxe elevada da nosa poboación e, ademais, son precisamente os pacientes que máis dificultades teñen para desprazarse a Guitiriz” explican dende #Parganonsedivide.
O Centro recuperaría a súa total actividade no momento que se chegue á chamada inmunidade de rabaño, a cal, segundo as autoridades, podería producirse en agosto ou setembro.
“Nese momento o Centro de saúde de Parga debe funcionar con total normalidade. Iso é o que nos viñeron asegurando dende a Xerencia do Sergas en Lugo e, a pesar de que non nos fiamos, o compromiso público de reapertura está aí e, o mellor xeito de demostrar a credibilidade dese compromiso, é aceptando a nosa proposta coa cal, avanzaríamos cara a reapertura do noso consultorio” rematan dende a plataforma #Parganonsedivide.