Pastoricense e Muimenta estrean novos adestradores
A UD Pastoricense está de estrea na dirección técnica tras as recentes baixas no equipo. O club anunciou que Juan Manuel García Rozas, un veterano do fútbol rexional, asumirá o cargo como novo adestrador. García Rozas, quen xa formou parte da historia do club, chega con ampla experiencia tanto como xogador, militando en equipos como o Castro e o Ribadeo, como pola súa achega ao equipo durante o ascenso á Primeira Rexional na tempada 2009/2010 e defendendo a camiseta ata o ano 2013.
O seu regreso prodúcese tras a súa última etapa baixo a dirección de Moirón e un último ano con Fran Veiga á fronte. Actualmente, compaxina o seu traballo na UD co adestramento dos equipos de fútbol sala das Escolas Deportivas Municipais da Pastoriza, onde tamén deixou a súa pegada como adestrador.
O club deposita toda a súa confianza en García Rozas, un profesional que coñece á perfección a identidade e os valores da UD, así como a situación actual do equipo. A súa experiencia e compromiso coas cores fan del a persoa ideal para liderar esta nova etapa.
García Rozas substitúe así a José Cendán, Basi, que devolveu ao equipo á Primera Futgal o ano pasado logo dunha tempada triunfal. Todo o contrario do que pasou no que vai de curso, xa que o equipo branco non logrou máis que tres empates desde o inicio da tempada. Finalmente, esta fin de semana, a primeira do novo adestrador, chegou a primeira vitoria, pola mínima ante o Outeiro de Rei.
MUIMENTA
Pola súa banda, José Cendán pasa a ocupar agora a dirección do Muimenta, outro equipo afundido na táboa, nesta ocasión da Segunda Futgal norte.
Saúl Méndez e Héctor Expósito colleron a dirección do equipo no comezo da tempada pero os números non saíron e o equipo non tiña sumados máis que 1 punto dun empate ao principio da tempada. No seu primeiro partido no banco do Muimenta, o equipo logrou sumar un segundo punto contra o Candelaria e amosando un cambio de actitude.