Pastoriza acollerá un curso sobre atención básica no fogar este xoves

TerraChaXa
A actividade desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas
mans-anciá-maior
27 Oct 2026

O Teleclub de Bretoña acollerá este xoves, 29 de outubro, unha formación práctica impulsada polo Concello de Pastoriza e AFALU. A actividade desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.

Baixo o título Coidar con agarimo, está dirixida a familias e persoas coidadoras de persoas dependentes do rural. Busca proporcionar coñecementos básicos para atender as persoas dependentes no fogar, así como reforzar o acompañamento e a comunicación, mellorar a mobilidade, a hixiene e o confort, e promover o benestar tanto das persoas coidadas como das propias coidadoras.

A formación será presencial e práctica, e está especialmente pensada para as familias e as persoas coidadoras do contorno rural que precisen apoio e orientación para afrontar os coidados diarios con maior confianza e seguridade. Ao remate, as persoas participantes recibirán un diploma gratuíto.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse nas oficinas do Concello da Pastoriza ou chamar ao teléfono 982 332 197.

0.13639211654663