Pastoriza acollerá un obradoiro de primeiros auxilios aberto á cidadanía

A Casa da Música de Pastoriza será escenario o 26 de xuño dun obradoiro de primeiros auxilios dirixido á poboación en xeral, así como a pacientes, familiares e persoas coidadoras. A actividade desenvolverase entre as 16.30 e as 20.00 horas e está organizada coa colaboración de distintas entidades sanitarias e institucionais.
A formación será impartida por Marta Fernández López, enfermeira asistencial da base de Lugo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen abordará cuestións básicas para actuar ante situacións de emerxencia e urxencia sanitaria.
Durante a sesión explicaranse aspectos como o procedemento correcto para chamar ao 061, a actuación ante unha dor torácica, os casos de perda de coñecemento, síncopes ou coma, así como as técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP).
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición antes do 19 de xuño a través do teléfono 659 03 21 94.
A iniciativa conta coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, o Concello da Pastoriza e o Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de fomentar os coñecementos básicos en primeiros auxilios e mellorar a capacidade de resposta da veciñanza ante posibles emerxencias.