Pastoriza acollerá un torneo de fútbol sala con máis de 1.900 euros en premios

TerraChaXa
A inscrición fixouse en 150 euros por equipo e o prazo para anotarse permanecerá aberto ata hoxe
torneo-futbol-sala-pastoriza
30 Jun 2026

O pavillón municipal de Pastoriza converterase esta fin de semana no escenario dun novo torneo de fútbol sala que reunirá a equipos da contorna nunha competición que repartirá máis de 1.900 euros en premios, ademais de trofeos para os mellores clasificados e para distintas categorías individuais.

O campionato está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Miño, co apoio do Concello de Pastoriza, da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Pastoriza (ASPA) e da Xunta de Galicia. A competición contará con árbitros federados e establece un mínimo de 16 equipos participantes para o seu desenvolvemento.

Os premios económicos ascenden a 1.000 euros e trofeo para o equipo campión, 500 euros e trofeo para o subcampión, 250 euros e trofeo para o terceiro clasificado e 150 euros e trofeo para o cuarto posto.

Ademais dos galardóns colectivos, a organización entregará recoñecementos ao máximo goleador do torneo, ao porteiro menos batido, ao mellor xogador da competición e ao mellor equipo local.

A inscrición fixouse en 150 euros por equipo e o prazo para anotarse permanecerá aberto ata hoxe, 30 de xuño. Desde a organización lembran que, no caso de non acadarse o número mínimo de equipos participantes, os premios adaptaranse de forma proporcional.

Coa celebración deste torneo, Pastoriza aposta unha vez máis polo deporte como elemento de convivencia e participación social, reunindo durante tres días a xogadores, afeccionados e veciñanza arredor dunha das disciplinas con maior seguimento na comarca.

0.11512804031372