Pastoriza acondiciona unha vivenda social na antiga escola de Reigosa e continúa co plan de mellora das parroquias

O Concello de Pastoriza está a executar as obras de acondicionamento dunha das vivendas sociais situadas na antiga escola da parroquia de Reigosa, unha actuación centrada principalmente na reparación da cuberta do inmoble. Os traballos contan cun orzamento de 50.000 euros, financiado mediante unha achega da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e unha contribución de 8.000 euros procedente das arcas municipais.
A intervención inclúe a reparación das partes deterioradas da cuberta e a reposición de elementos que presentaban deficiencias. Os traballos, que avanzan actualmente no edificio, permitirán mellorar as condicións da vivenda e contribuír á conservación dun patrimonio municipal que o Concello está a recuperar para destinalo a uso residencial.
O goberno local ten previsto continuar con este programa de recuperación de antigas escolas parroquiais. Entre as próximas actuacións figuran os inmobles de San Xoán de Úbeda, onde existe unha vivenda, e de San Martiño de Corvelle, que conta con dúas, co obxectivo de incorporalos tamén ao parque municipal de vivenda de alugueiro social. O Concello traballa na procura de novas vías de financiamento que permitan completar a adecuación destes edificios.
A recuperación destas antigas escolas súmase ás actuacións realizadas durante este mes en distintos puntos do municipio. Na parroquia da Rigueira remataron os traballos de adecuación de camiños municipais na estrada da Ponte Xungal, mentres que en Samartiño de Corvelle, no barrio de Bouzas, concluíu unha nova intervención incluída no Plan de Cooperación cos Concellos. A seguinte actuación prevista dentro deste programa desenvolverase en Úbeda.
Tamén continúan as obras de reparación de estradas municipais, con actuacións realizadas nesta ocasión na zona de Loboso, dentro dos traballos de conservación e mellora da rede viaria local.
Por outra banda, a brigada contraincendios está a desenvolver labores de limpeza e mantemento en diferentes instalacións municipais. Durante este mes interveu no depósito contra incendios de Bretoña, no depósito de auga potable da mesma parroquia, no depósito de auga de Xemil, na fonte de Luxilde e na contorna do campo da festa e do muíño de Barxa, en Fonmiñá.
O Concello mantén así unha programación de obras repartida por diferentes parroquias, combinando a mellora das infraestruturas viarias e dos equipamentos municipais coa recuperación de inmobles destinados a vivenda social.