Pastoriza amplía o número de colectores amarelos para facilitar a reciclaxe

O Concello de Pastoriza está a ampliar o número de colectores amarelos en diferentes puntos do municipio co obxectivo de mellorar a reciclaxe e facilitar á veciñanza a separación dos residuos.
Segundo informa o Concello, esta medida permitirá aumentar os puntos de recollida de envases lixeiros e favorecer a colaboración cidadá na correcta xestión dos refugallos.
O goberno municipal lembra que nos colectores amarelos só se deben depositar envases de plástico, latas e briks. Así mesmo, agradece a colaboración da veciñanza e anima a continuar separando os residuos para reciclar a maior cantidade posible.
O Concello sinala que incrementar a reciclaxe contribúe a evitar subas no recibo do lixo, "unha situación que afecta a numerosos municipios da contorna". Por iso, insiste na importancia da participación cidadá para avanzar cara a unha xestión máis eficiente dos residuos.
A iniciativa enmárcase no compromiso municipal coa mellora da recollida selectiva e coa protección do medio ambiente, baixo a mensaxe de que coidar A Pastoriza é unha tarefa de todos.