Pastoriza avanza no proxecto do centro de día-residencial con 56 prazas

TerraChaXa
O futuro centro contará cun total de 56 prazas, das cales 40 estarán destinadas a centro de día e 16 a uso residencial
proxecto-residencia-maiores-pastoriza
18 Apr 2026

O Concello de Pastoriza continúa dando pasos firmes no desenvolvemento do proxecto do futuro centro de día-residencial, unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e considerada clave para reforzar os servizos sociais no municipio.

Trátase dunha iniciativa que se foi consolidando ao longo dos anos cunha folla de ruta progresiva. O proceso comezou no ano 2004 coa adquisición dos terreos, continuou en 2023 coa escavación, en 2024 co estudo do solo e en 2025 coa redacción do anteproxecto. Xa neste 2026 completouse o estudo de viabilidade, o que supón un avance determinante cara á súa execución.

Segundo informou o Concello, nos vindeiros días a Xunta de Galicia realizará o anuncio definitivo que permitirá iniciar os trámites administrativos necesarios, incluíndo a dotación orzamentaria para a primeira fase, a licitación das obras e o comezo do proceso construtivo.

O futuro centro contará cun total de 56 prazas, das cales 40 estarán destinadas a centro de día e 16 a uso residencial, dando resposta ás necesidades asistenciais da poboación, especialmente das persoas maiores.

A colaboración da Administración autonómica responde ao compromiso adquirido pola Consellería de Política Social e Igualdade co alcalde de Pastoriza, tras a presentación do proxecto realizada en novembro do pasado ano.

Con este avance, o Concello dá un paso decisivo cara á materialización dunha infraestrutura considerada estratéxica para mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir unha atención adecuada ás persoas dependentes.

0.11603999137878