Pastoriza celebrará o próximo venres a súa Festa da Xuventude con tardeo, cea e verbena

Pastoriza acollerá o vindeiro 12 de xuño unha nova edición da Festa da Xuventude, unha cita pensada para reunir á veciñanza e aos visitantes nunha xornada de convivencia, música e diversión. O evento desenvolverase nun recinto situado ao carón do pavillón municipal, que contará con campo cuberto con carpa para garantir o desenvolvemento da festa independentemente das condicións meteorolóxicas.
A programación arrancará ás 17.30 horas cun tardeo acompañado de partidos de pádel. Ao longo da noite tamén haberá rifas e sorteos, así como venda de camisetas conmemorativas da celebración.
Ás 22.00 horas celebrarase unha cea popular cun prezo de 25 euros por persoa. O menú incluirá entremeses, empanada, churrasco, sobremesa, café e licores. As entradas para participar na cea estarán á venda ata o 8 de xuño na gasolineira O Acebreiro e no Bar Esquina da Pastoriza.
A partir da medianoite dará comezo a verbena, que estará amenizada polo grupo Los Key e polo DJ Billy, encargados de poñer música a unha noite que se prolongará ata a madrugada.
A Festa da Xuventude está organizada pola asociación Miño coa colaboración do Concello da Pastoriza, a Asociación de Empresarios da Pastoriza e a Xunta de Galicia. A organización anima a participar nesta cita festiva que busca consolidarse como un dos eventos destacados do inicio do verán no municipio.