Pastoriza e a Xunta firma o convenio para impulsar a residencia e o centro de día para maiores

TerraChaXa
Fabiola García destacou as achegas do Goberno galego de ata 60.000 euros para impulsar a redacción deste proxecto
fabiola-garcia-visita-pastoriza
30 Sep 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou esta mañá co alcalde de Pastoriza, Darío Cabaneiro, un convenio de colaboración para incrementar a achega do Goberno galego ata os 60.000 euros na redacción do proxecto da futura residencia e centro de día municipais. No acto tamén participou o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

Fabiola García destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e o Concello de Pastoriza para impulsar novos recursos esenciais para a veciñanza que lles permitan, dixo, recibir atención e coidados de calidade na súa contorna. Do mesmo xeito, explicou que ademais de ofrecer opcións aos maiores, tamén se crean novos postos de emprego e se fortalece a rede de servizos no rural.

Por iso mesmo, a conselleira agradeceu ao alcalde o seu esforzo para crear no concello de Pastoriza unha residencia e centro de día, que permitirán reforzar a rede de recursos de Galicia, ao tempo que se mellora a calidade de vida da veciñanza. A isto engadiu o compromiso da Xunta coa atención dos maiores que se traduce nun maior investimento en servizos esenciais de carácter municipal como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que grazas ao acordo entre o Goberno galego e a Fegamp vai supoñer un incremento de máis de 650.000 euros na achega autonómica, que ascende a 2,2 millóns de euros ata o ano 2028.

0.16711401939392