Pastoriza estrea un torneo de fútbol sala feminino con tres equipos de Primeira División

O Pavillón Municipal de Pastoriza acolleu este sábado a primeira edición do torneo triangular de fútbol sala feminino organizado polo Concello, unha cita que reuniu por primeira vez no municipio a tres equipos da Primeira División estatal: FSF Castro, Rodiles FS e Estrela Verín.
O FSF Castro foi o vencedor da competición, que comezou ás 11.30 horas co encontro entre o Rodiles FS e o conxunto castrexo. O partido rematou sen goles e o Rodiles impúxose na quenda de penaltis. No segundo encontro, o Estrela Verín e o Rodiles FS empataron 1-1, cun novo triunfo nos penaltis para o equipo verinés.
A competición pechouse co enfrontamento entre o FSF Castro e o Estrela Verín, no que o equipo de Castro conseguiu a vitoria que lle permitiu facerse co primeiro posto do torneo.
A iniciativa permitiu achegar a Pastoriza unha competición de máxima categoría e contribuír á visibilidade do fútbol sala feminino, ademais de ofrecer á veciñanza a oportunidade de ver en directo a xogadoras e equipos da elite estatal.
Este torneo incorpórase á programación deportiva impulsada polo Concello. Durante o verán, o municipio xa organizara un torneo de fútbol sala no que participaron 24 equipos, ao que agora se suma esta primeira experiencia cunha competición feminina de Primeira División.
Ao remate dos partidos celebrouse a entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados. No acto participaron o tenente de alcalde de Pastoriza, Marcos García Lombardero; a concelleira de Deportes, Fina Méndez; o concelleiro de Urbanismo, José Luis Iglesias, e a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Raquel Arias.
O Concello tamén entregou un detalle aos delegados dos tres equipos participantes e a Enma, a única xogadora de Pastoriza que disputou o torneo, como recoñecemento pola súa participación nesta primeira edición.
A organización contou coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Pastoriza e da UD Pastoricense, mentres que BigMat Huertas exerceu como patrocinador oficial. Durante a xornada tamén houbo servizo de bar e sorteáronse camisetas da UD Pastoricense e dos tres equipos participantes, coa colaboración da comisión do Entroido 2027.
O Concello agradeceu finalmente a implicación das persoas e entidades que contribuíron ao desenvolvemento da cita, con especial mención ao persoal municipal e aos traballadores e traballadoras que participaron nos labores de organización.