Pastoriza inaugurará o 16 de maio a súa área de autocaravanas cunha xornada de música, gastronomía e foliada

TerraChaXa
A música tradicional será a gran protagonista da noite coa celebración dos Cantos de Taberna
Imaxe dunha zona de autocaravanas
13 May 2026

O Concello de Pastoriza celebrará este sábado, 16 de maio, unha completa programación festiva con motivo da inauguración da nova área de autocaravanas, unha xornada que combinará natureza, gastronomía, música tradicional e actividades culturais abertas á veciñanza e visitantes.

As actividades comezarán ás 9.00 horas cunha ruta de sendeirismo polas Augas de Fonmiñá, unha proposta para descubrir a contorna natural do municipio. Ao mediodía, entre as 13.30 e as 15.00 horas, haberá unha sesión vermú na Praza do Concello, espazo no que tamén se desenvolverá ás 14.30 horas un servizo de comidas a cargo da Pulpería Suso, aberto a todas as persoas asistentes.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, dará comezo o tardeo previo aos actos centrais da programación. A inauguración oficial da área de autocaravanas terá lugar ás 20.00 horas.

A música tradicional será a gran protagonista da noite coa celebración dos Cantos de Taberna, previstos entre as 20.30 e as 22.00 horas. Posteriormente, ás 22.30 horas, arrancarán as actuacións da pre-foliada na Praza do Concello, mentres que a foliada dará comezo ás 00.30 horas.

Os actos desenvolveranse na Praza do Concello e nun campo cuberto con carpa habilitado para a ocasión. A iniciativa conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Tradigalu e outras entidades vinculadas á promoción cultural e turística do municipio.

0.084065914154053