Pastoriza inaugurou a súa nova área de autocaravanas nunha multitudinaria xornada festiva

TerraChaXa
O acto reuniu no municipio a 162 autocaravanas, campers e vehículos similares chegados desde distintos puntos de Galicia e do norte peninsular
inauguracion-area-autocaravanas
17 May 2026

O Concello de Pastoriza inaugurou este sábado a súa nova área de autocaravanas, unha das máis grandes de Galicia, nunha xornada que reuniu no municipio a 162 autocaravanas, campers e vehículos similares chegados desde distintos puntos de Galicia e do norte peninsular. A nova infraestrutura nace co obxectivo de potenciar o turismo e contribuír á dinamización económica local, convertendo Pastoriza nun punto estratéxico da comarca da Terra Chá para o turismo itinerante.

O novo espazo, financiado a través do Plan Cooperación cos Concellos cun investimento próximo aos 69.000 euros, conta con capacidade para 42 prazas e está situado nun enclave considerado estratéxico polo goberno local, xunto á piscina municipal, ao circuíto de kárting e ao inicio dunha ruta de sendeirismo, ademais de atoparse a poucos quilómetros do nacemento do río Miño.

O acto inaugural celebrouse durante a tarde coa participación do tenente de alcalde, Marcos García Lombardero; da presidenta da Asociación Galega de Autocaravanas, María del Mar García Pena; e do deputado provincial de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto. Durante a xornada tamén estiveron presentes diferentes representantes institucionais, entre eles a deputada autonómica Raquel Arias; o senador José Manuel Balseiro; o voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide; e o deputado provincial e alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias.

A inauguración incluíu a actuación do Grupo de Baile e Música de Pastoriza, a izada da bandeira, a interpretación do himno, o descubrimento dunha placa conmemorativa e o tradicional corte da cinta inaugural.

Desde o Concello destacaron a excelente resposta do sector do autocaravanismo, xa que os asistentes pertencían tanto á Asociación Galega de Autocaravanas como ao colectivo PEKA, integrado por usuarios de vehículos vivenda.

O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou durante a xornada que a nova área “permite desfrutar dunha contorna única e coñecer lugares tan emblemáticos como o nacemento do río Miño”, ao tempo que subliñou que esta infraestrutura “contribuirá a xerar movemento no municipio e a dinamizar a hostalaría local”. O responsable municipal asegurou ademais que Pastoriza “abre unha nova oportunidade para seguir apostando polo turismo e pola posta en valor do patrimonio natural, cultural e humano do municipio”.

García tamén agradeceu a colaboración das administracións implicadas, dos traballadores municipais, da Corporación local, así como dos gandeiros e veciños que facilitaron os terreos necesarios para facer realidade esta infraestrutura. Segundo destacou, o obxectivo é converter a área nun referente turístico da comarca e nun motor económico para os negocios locais.

A inauguración estivo acompañada dunha ampla programación festiva arredor da II Foliada de Pastoriza e dos Cantos de Taberna, organizados polo Concello en colaboración coa asociación de empresarios Asapa e coa asociación cultural e deportiva Miño Vivo.

A xornada comezou pola mañá coa ruta de sendeirismo ‘Augas de Fonmiñá’, na que participaron arredor de 120 persoas e que permitiu aos asistentes descubrir parte da riqueza natural da contorna. Posteriormente celebrouse a sesión vermú na Praza do Concello e durante todo o día mantívose o servizo gastronómico da Pulpería Suso, aberto tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.

Xa pola tarde celebrouse o tardeo musical e, tras a inauguración oficial da área de autocaravanas, os Cantos de Taberna percorreron diferentes locais hostaleiros do municipio. A programación continuou coa prefoliada e coa gran foliada final, celebrada nunha carpa instalada na Praza do Concello.

No apartado musical participaron once grupos tradicionais: Asubíos da Chaira, Pastoriza, Reviravolta, Os Agustiños, Grupo Tradicional de Meira, A Chocolateira, Son de Outeiro, Asubiiños 4, Ardelle o Eido, Os D’Aquí e Cantos da Valuria, que puxeron o broche festivo a unha intensa xornada na que Pastoriza volveu reivindicar a súa aposta pola tradición, o turismo e a dinamización do rural galego.

0.12378191947937