Pastoriza leva ás aulas un mapa interactivo para achegar o territorio ao alumnado

O Concello de Pastoriza entregou esta semana un novo mapa interactivo do municipio en todos os colexios, co obxectivo de que os nenos e nenas coñezan mellor o territorio no que viven.
A entrega foi realizada polo tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, que fixo chegar aos centros educativos este recurso ilustrado, que incorpora un código QR para facilitar que os máis pequenos descubran as distintas aldeas, ríos e camiños de Pastoriza dun xeito didáctico e entretido.
A iniciativa busca achegar o patrimonio e a xeografía local ao alumnado, favorecendo o coñecemento da contorna e reforzando o vínculo coa súa propia terra. Desde o Concello destacan a importancia de coñecer o municipio para valoralo e aprecialo, e agradeceron ao profesorado e ao alumnado a boa acollida da proposta.
O mapa tamén se pode consultar a través da nova web municipal, na sección de turismo virtual.