Pastoriza mellora as instalacións do campo de fútbol cun novo acceso á cantina e seis pantallas LED

O Concello de Pastoriza continúa coa mellora das instalacións deportivas municipais mediante a execución de novas actuacións no campo de fútbol. Os traballos consistiron na adecuación do acceso á cantina e na instalación de seis novas pantallas LED destinadas ao sistema de iluminación do recinto.
Segundo a información facilitada polo Concello, as actuacións foron realizadas por traballadores municipais e desenvolvéronse ao longo de dúas semanas. O investimento destinado a estas melloras supera os 3.000 euros.
A intervención permitiu habilitar un acceso máis cómodo e accesible á zona da cantina, ao tempo que se reforzou o sistema de alumeado do campo coa colocación das novas pantallas LED, co obxectivo de mellorar as condicións de uso das instalacións tanto para deportistas como para afeccionados.
Desde o Concello sinalan que os traballos estiveron completamente rematados para a celebración dos diferentes eventos deportivos desta época do ano.