Pastoriza organiza un acto institucional na Praza do Concello polo 25N

O Concello de Pastoriza celebrará o vindeiro mércores 25 de novembro o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cun acto reivindicativo que terá lugar ás 12.00 horas na Praza do Concello, baixo o lema Por unha sociedade libre de violencia.
A convocatoria incluirá a lectura dun manifesto e un minuto de silencio en lembranza das vítimas asasinadas no que vai de ano, como mostra de respecto e solidariedade con todas as mulleres que sofren violencia machista.
Ademais, o Concello fará entrega de agasallos a todas as persoas asistentes ata esgotar existencias. Entre os detalles previstos figuran calendarios, pulseiras e camisetas con mensaxes de sensibilización e rexeitamento da violencia contra as mulleres.
Con esta iniciativa, o Concello de Pastoriza súmase á conmemoración do 25N e reafirma o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero e coa defensa dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia.