Pastoriza renderá homenaxe ao profesor Dino Pacio Lindín o próximo mércores

A Biblioteca Pública Municipal de Pastoriza acollerá o vindeiro mércores 18 de novembro, ás 19:00 horas, unha homenaxe póstuma ao sociólogo e profesor Dino Pacio Lindín, coincidindo coa presentación das reedicións das súas obras Terra Húmida e Juventud Radical, publicadas por Ondina Ediciones.
No acto intervirán Francisco Álvarez Koki, escritor, poeta e amigo persoal do homenaxeado; Armando Requeixo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e Xosé Manuel Malheiro, investigador e profesor da Universidade da Coruña.
Dino Pacio Lindín, nado en Xemil, Bretoña (Pastoriza), en 1934, e falecido en Nova York en 2025, desenvolveu unha ampla traxectoria académica e profesional que o levou a formarse en diferentes institucións internacionais. Tras cursar os primeiros estudos na escola de Cadavedo, ingresou no Seminario de Mondoñedo en 1947, onde estudou Latín, Humanidades e Filosofía. Posteriormente licenciouse en Teoloxía na Pontificia de Comillas e continuou a súa formación na Gregoriana de Roma, na Universidade de Friburgo e na Universidade de Harvard, onde se especializou en Socioloxía.
O seu traballo como docente deixou unha fonda pegada entre o alumnado. O escritor Manuel Rivas, que foi alumno seu, lembrábao como "un home que nos descubriu un novo mundo" e destacaba o seu coñecemento das ideas que estaban presentes en Europa.
En 1970 trasladouse a Estados Unidos, despois de que dous anos antes a censura prohibise a publicación dun dos seus libros e polas dificultades para incorporarse a un sistema académico que consideraba ríxido e clasista.
No país norteamericano exerceu como profesor no Fisher College de Boston e na Universidade de Fordham, onde impartiu clases de Socioloxía da Xuventude, unha temática central na súa obra e no seu pensamento sociolóxico.
Durante a súa etapa estadounidense centrou boa parte dos seus esforzos en dúas realidades sociais emerxentes: as drogodependencias e a situación dos emigrantes hispanos nos Estados Unidos.
En 1971 puxo en marcha, xunto cun grupo de estudantes, un programa educativo en locais abandonados de Nova York, coñecido como a «Escola dos Apartamentos». A iniciativa consolidouse en 1973 coa creación de Solidaridad Humana (SH), unha institución educativa acreditada que, co paso dos anos, chegou a contar cunha sede propia en Manhattan, nun edificio de 30.000 metros cadrados polo que pasaban arredor de dous milleiros de alumnos cada ano.
O seu labor foi recoñecido no ámbito académico como o impulsor dun programa de educación global para a mocidade, que recibiu premios, recoñecementos e apoio de destacadas institucións internacionais.
O profesor e filósofo Ramón Díaz Guerrero, tamén alumno seu, destacou que Dino Pacio «fomentou a caída de vellos modelos educativos e intelectuais e abriunos as nosas mentes», ademais de salientar a paixón polo coñecemento, o traballo e a responsabilidade que transmitía nas súas clases.
Dúas obras resumen especialmente o seu pensamento e a súa traxectoria: Juventud Radical 1956-1968, publicada en Madrid en 1978 e considerada de plena actualidade, e Terra Húmida, editada en Lugo en 1979 como unha homenaxe á súa terra natal.
Agora, grazas ao Concello de Pastoriza, ambas as publicacións volven ás librarías da man de Ondina Ediciones, nunha reedición coordinada por Francisco Álvarez Koki. A presentación servirá tamén para lembrar a figura e o legado intelectual dun autor vinculado ás súas raíces galegas e cunha importante proxección internacional.