Paula Prado mostra o seu apoio aos candidatos de Vilalba, Rábade e Guitiriz

TerraChaXa
Paula Prado mostra o seu apoio aos candidatos de Vilalba, Rábade e Guitiriz. Repartirou propaganda nos dous primeiro e nun mitin en Gutiriz
paula prado pp rabade 1
17 Maio 2023

A secretaria xeral do PPdeG desprazouse á provincia de Lugo, para apoiar aos candidatos nos distintos concellos, comezando pola capital da Terra Chá, Vilalba, alentando a Sandra Vázquez “cun proxecto que é unha clara mostra do que é o noso partido: unha aposta por un proxecto solvente, serio e responsable”.

No percorrido pola provincia, que continuou esta tarde por Rábade, Triacastela e Guitiriz, Paula Prado amosou o apoio aos candidatos que loitan por recuperar o bastón de mando, como Sandra, Reme González (Rábade) e José Manuel López (Guitiriz); pero tamén a alcaldesas como a de Triacastela, Olga Iglesias, que “demostra que se pode gobernar ben fronte aos concellos nos que sufrimos o desgoberno da esquerda”.

"Un desgoberno que se traslada tamén á Deputación de Lugo, co señor Tomé á cabeza, que non é quen de atender os intereses dos veciños da provincia”, sinalou a número dous dos populares galegos.

Así, indicou que a Deputación de Lugo non lle está dando resposta ás necesidades de todos os concellos, “actuando de forma clientelar”, polo que é preciso un cambio que virá da man do PP.

Unha institución provincial que está gobernada “co apoio dun BNG, que vai sempre da man do PSOE á hora de firmar eses pactos de perdedores para gobernar nos concellos onde o PP non lle chega coa para gobernar”.

“A nós non nos chega con ganar as eleccións simplemente, senón que temos que conseguir a maioría absoluta”, abundou

BILDU

Engadiu Paula Prado que o BNG “non é unha alternativa para Galicia, vendo estes días como aínda non condenou ao seu socio Bildu e as súas listas electorais con terroristas condenados por delitos de sangue, moitos deles galegos”. “Temos 68 vítimas do terrorismo de ETA en Galicia, algúns enterrados nesta provincia”, lembrou.

Ao respecto das recentes declaracións dos integrantes destas listas electorais de que non van formar parte dos gobernos aínda que saian elixidos, amosan, segundo a número dous dos populares galegos, “que non son xente de fiar”.

“Agardamos que o BNG deixe de arrremeter contra o PP e condene e se afaste de Bildu, que está branqueando a todos estes terroristas que en ningún caso representan o sentir da democracia do século XXI”, concluíu a secretaria xeral do PPdeG

SANDRA VÁZQUEZ

Pola súa banda, a candidata popular Sandra Vázquez agradeceu a asistencia da secretaria xeral dos populares galegos ao mercado no casco urbano e o seu apoio nesta campaña próxima que está levando a cabo “para achegar o noso proxecto de futuro para Vilalba ás 29 parroquias que a compoñen”.

“Somos o partido que máis se parece aos vilalbeses e así o estamos expoñendo no noso programa electoral, que nace exclusivamente da escoita e das numerosas xuntanzas co tecido asociativo, cultural e deportivo”, indicou Sandra Vázquez.

“Nestas achegas dos diferentes sectores da poboación buscamos solucións aos problemas que teñen os nosos veciños para o que precisamos acadar os 9 concelleiros da maioría absoluta para volver a reconquistar Vilalba que é o que precisa a nosa vila”, agregou.

“Desde a vontade de traballo, a humildade e o respecto trataremos de conseguir este obxectivo para mellorar Vilalba e, sobre todo, atender as necesidades dos vilalbeses”, rematou a candidata popular.

RÁBADE

Remedios González destaca que a visita da secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, foi "unha maneira de ver de primeira man a necesidade de mellora nas infraestructuras no municipio, así como a recuperación de moitos servizos perdidos nos últimos anos pola mala xestión do goberno local".

MITIN EN GUTIRIZ

O candidato popular á alcaldía de Guitiriz, José Manuel López, estivo arroupado onte, no mitin na Casilla, pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, e o secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal. O candidato deu a coñecer o programa electoral co que concorre ás eleccións do próximo día 28 no que, no terreo das infraestruturas, destacou a mellora do abastecemento de auga, e no social, ademais de xestionar a posta en marcha da esperada Residencia da Terceira Idade, anunciou que promoverá unha comida con el e coa concelleira de Benestar Social das persoas maiores que estean soas o día de Reis, así como o servizo a domicilio dunha cea especial de fin de ano para quen estea nas citadas condicións.

En canto á mellora do servizo de augas, o candidato popular di que, se goberna, primeiro construirase un novo depósito (de 10 millóns de litros) e posteriormente será ampliada a presa na que se fai a captación, ou se construirá unha nova. Destacou tamén o seu proxecto para ampliar o solo industrial e apoiar o asentamento de empresas, así como a solicitude de que se instale de maneira permanente unha compañía da UME en Parga. Comprométese a levar a auga potable e o saneamento ás parroquias que o soliciten.

Polo seu lado, Pedro Puy, manifestou: “O PP representa un proxecto de unidade, cun liderado claro e políticas que non se improvisan.  O noso obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas e por iso apostamos por proxectos ambiciosos como a transformación do PAI en escola infantil, o impulso decidido para ofertar máis solo industrial, atraer empresas e xerar emprego ou poñer a disposición da veciñanza vivendas a prezos accesibles, que son proxectos do noso candidato en Guitiriz que, seguro, contarán co apoio do Goberno galego”

O secretario xeral do PP de Lugo, Javier Vázquez Nodal, sinalou: “O cambio político en Guitiriz producirase o próximo día 28 da man de José Manuel López e servirá para poñer a Guitiriz no lugar que lle corresponde”. Será tamén un paso máis no camiño para “o cambio de Goberno a nivel nacional; Guitiriz vai ser protagonista do cambio a todos os niveis, empezando polo ámbito local”.

0.22811913490295