Penas de Rodas acollerá a VI Feira de Artesanía e Produtos da Terra dentro da 46ª Romaxe

LugoXa | TerraChaXa
A xornada combinará tradición, cultura e lecer con feira artesanal, música, xogos populares, teatro e o II Aberto de Billarda
romaxe-penas-de-rodas
3 Jun 2026

A Asociación de Penas de Rodas celebrará o vindeiro 28 de xuño a VI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, unha cita que terá lugar no emblemático enclave de Penas de Rodas, no concello de Outeiro de Rei, e que se enmarca dentro da tradicional 46 Romaxe, consolidada xa como un dos eventos máis destacados da contorna.

A feira reunirá a numerosos artesáns e produtores locais, ofrecendo ao público unha ampla variedade de produtos da terra e pezas artesanais. O principal obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o traballo tradicional, promover o produto local e contribuír á dinamización do medio rural, nunha xornada pensada para todos os públicos.

A programación dará comezo ás 11:00 horas cun partido de fútbol no Campo de Fútbol O Penedo, seguido ás 11:30 horas dunha exhibición aberta do Xogo da Billarda, que terá lugar diante das Penas. Media hora máis tarde, ás 12:00 horas, abrirá oficialmente a VI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, converténdose nun dos grandes atractivos do día.

Ás 13:00 horas celebrarase o pregón, que estará a cargo de Lis Latas, músico, artesán de gaitas e mestre de música e danza tradicional. A continuación, ás 13:30 horas, os asistentes poderán gozar dun vermú amenizado polo grupo Son de Lugh, antes do tradicional xantar campestre, previsto para as 14:30 horas.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, os máis pequenos e o público familiar terán protagonismo cos xogos populares organizados por Xotramu. Ás 17:00 horas disputarase o II Aberto de Billarda de Penas de Rodas, no Campo de Fútbol O Penedo, coincidindo coa representación do Grupo de Teatro Penas de Rodas.

A música volverá ser protagonista ás 18:15 horas coa actuación do grupo Panosedán, mentres que a clausura da feira terá lugar ás 19:45 horas, cun acto de entrega de trofeos e sorteo dunha cesta de produtos e dunha cesta infantil, poñendo o broche final a unha intensa xornada de convivencia e tradición.

0.11757898330688