Pepe Peinó será o candidato do PP á alcaldía de Alfoz

TerraChaXa | AMariñaXa
18 Xan 2019

O Partido Popular de Alfoz elixiu como presidente ao actual voceiro do Grupo Municipal do PP, Juanjo Fraga, que sucede no cargo a Emilio Lousas. Durante a xuntanza a agrupación local tamén elixiu por unanimidade como candidato á alcaldía a Pepe Peinó, proposto pola nova xunta directiva do Partido no municipio.
Pepe Vázquez Peinó é docente no centro de educación secundaria de Alfoz, O Valadouro, e preside o Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) ademais de ser escritor e autor de varias obras de teatro. Tamén foi concelleiro de Cultura no anterior mandato en Alfoz do Goberno popular.
Fraga cre que “os afiliados desta agrupación merecen que poña todo o mellor de min e que traballe para facer que o noso partido sexa a forza maioritaria do concello. Sempre apostei por Alfoz, desde o remate da miña formación, como lugar de residencia e tamén para impulsar os proxectos laborais que van xurdindo e gustaríame ser partícipe de darlle oportunidades para vivir e traballar ao resto da xente que vive ou queira instalarse en Alfoz”. Tamén considera que “Pepe Peinó é o candidato ideal para dar un xiro de 180 graos ao rumbo do noso Concello que leva catro anos sumido no desentendemento dos gobernantes e na procura dos intereses particulares mentres abandona as necesidades dos alfocenses”.
Fraga apunta que “o candidato do PP á alcaldía de Alfoz é un gran coñecedor dos veciños de Alfoz. Leva dende o 1990 exercendo de mestre neste concello, polo que foron xa varias as xeracións que pasaron polas súas aulas. De feito, está dando clase a fillos de alumnos dos seus primeiros anos no municipio”. Así mesmo, di o presidente local que “Peinó é un gran coñecedor do colectivo de maior idade do municipio xa que sempre foi unha persoa moi activa na organización e participación  en actos lúdico culturais”. Ademais, “a súa experiencia como concelleiro de Cultura durante o anterior mandato con goberno popular, faino coñecedor da xestión do noso Concello”. Polo tanto, “non dubido de que se vai rodear de xente moi válida para a súa candidatura como fai en tódolos eventos dos que toma parte”.
 

0.17847609519958