Piden explicacións á Xunta sobre o que sucede en Surexport e impugnan as eleccións sindicais

TerraChaXa | LugoXa
Esixen explicacións á Xunta de Galiza sobre a situación laboral e sanitaria dos empregados da empresa andaluza Surexport.
surexport manifestacion 1
26 Ago 2021

A deputada do BNG por Lugo, Carme Aira, esixe explicacións á Xunta de Galiza sobre a situación laboral e sanitaria dos empregados da empresa andaluza Surexport que desenvolve a súa actividade en Begonte e Castro de Rei coa produción e venta de froitos vermellos.

A deputada Carme Aira declarou que “desde o BNG esiximos ao goberno da Xunta de Galiza a que se dispoña a utilizar os mecanismos que posúe para controlar e vixiar o que está pasando nesta empresa en Begonte e Castro de Rei”

Consideran que o modelo hiper-intensivo de produción agraria desta empresa é sumamente agresivo para o territorio, tanto no eido medioambiental polo seu alto consumo en fitosanitarios e auga, como no social, xa que non favorece ao emprego local. Nos derradeiros días, diferentes organizacións sindicais como sociais denunciaron as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras, ao que existe unha posíbel morte dun suposto caso de explotación.

Neste senso a deputada fixo fincapé en que “é incomprensíbel que a Xunta non teña actuado con anterioridade coa Inspección de Traballo para determinar si se cumpre a normativa laboral e sanitaria tanto na explotación como nos lugares de aloxamento destas persoas” sinalou Carme Aira.

O BNG rexistrou diferentes iniciativas no Parlamento galego para que a Consellería de Medio Rural como a Consellería de Sanidade e a Consellería de Emprego e Igualdade poñan en coñecemento do que está a ocorrer e esclarecer calquera feito que poña en risco a vida das traballadoras e traballadores. Así como que a Xunta aplique todos os seus mecanismos para o control e vixilancia.

SINDICATOS

Comisións Obreiras solicitou ante a autoridade laboral dependente da Xunta a impugnación do proceso electoral para designar o primeiro comité de empresa de Surexport, por unha presunta "vulneración dos dereitos sindicais".

A celebración do laudo arbitral, que determinará a validez do proceso, será o día 30, ás 13.00 horas, en Lugo. CC.OO. explica que "as presión recibidas polos integrantes da candidatura levaron á dimisión de cinco membros do comité, sen que sumasen o mínimo de nove necesarios".

"O que solicitamos ao árbitro neste procedemento é simplemente que paralice o proceso electoral, retrotrayéndolo ao comezo de presentación de candidaturas para poder optar libremente CC.OO. e calquera outro sindicato que sexa do seu interese, pois a día de hoxe estanse interesando unha chea de traballadores/ as por defender os seus dereitos a través do comité de empresa, pero nestas condicións de represión élles imposible, porque de ter constancia a empresa antes de que puidésemos acreditalos oficialmente serían devoltos ao seu país literalmente, tal como ocorreulle a un traballador recentemente, que traballou o domingo todo o día e este luns día 23 sen comunicación de cesamento e sen pago de liquidación, deixárono sen ocupación á mañá e pola noite tentaron sacalo da pensión, que se non fóra pola actuación nosa durmiría á intemperie", explican.

0.19622206687927