Piñeiro, en Xermade, reclama que se complete o despregamento da fibra óptica

A parroquia de Piñeiro-San Martiño, no municipio de Xermade, continúa á espera de contar cunha cobertura completa de fibra óptica, malia que dous proxectos de despregamento financiados parcialmente con fondos públicos figuran como finalizados no portal oficial de axudas do Goberno.
Segundo denuncia a páxina veciñal Piñeiro San Martiño Xermade-Lugo, hai aproximadamente tres anos comezaron na parroquia os traballos de instalación de novos postes destinados, aparentemente, ás telecomunicacións. Porén, as actuacións quedaron sen completar: nalgúns lugares faltan postes e noutros, aínda que a infraestrutura está instalada, non existe cableado de fibra óptica.
A través dunha consulta ao visor oficial dos programas de axudas públicas PEBA e UNICO-Banda Ancha, os veciños aseguran que comprobaron que aparecen sinaladas numerosas zonas con vivendas distribuídas por practicamente todos os lugares da parroquia, incluídas en proxectos de despregamento de fibra óptica.
En concreto, identifican dous expedientes. O primeiro corresponde a Telefónica de España, dentro do programa UNICO 2021, co número TSI-061400-2021-0132, mentres que o segundo pertence a Adamo Telecom, dentro do UNICO 2022, co número TSI-061400-2022-0098. Ambos os dous figuran co estado de execución «finalizado» e teñen como data límite o 15 de abril de 2026. A tecnoloxía prevista nos dous casos é a fibra óptica FTTH.
Ante esta situación, os veciños preguntan por que seguen existindo postes sen cableado e vivendas sen acceso á fibra óptica se numerosas zonas da parroquia aparecen incluídas en proxectos que figuran como rematados. Con todo, tamén aclaran que o estado de finalización dun proxecto non acredita por si só que todas as vivendas representadas no mapa dispoñan xa do servizo.
O colectivo sinala que non pretende afirmar que exista ningún incumprimento, senón coñecer que obras se executaron realmente, que zonas quedaron cubertas e que actuacións continúan pendentes.
Entre as súas demandas está que o Ministerio competente informe sobre a execución e comprobación dos proxectos, que Telefónica e Adamo aclaren a situación das zonas que lles corresponden na parroquia e que se concrete que vivendas dispoñen de cobertura FTTH e cales seguen á espera. Tamén reclaman previsións claras para completar as infraestruturas necesarias.
Así mesmo, solicitan a colaboración do Concello de Xermade e consideran importante que a Alcaldía se interese oficialmente polos expedientes e solicite información ás administracións e empresas responsables.
Os veciños lembran que unha conexión adecuada a internet resulta fundamental para as familias, os estudantes, as explotacións agrogandeiras, os negocios e todas as persoas que viven e traballan no rural.
"Vivir no rural non debe significar quedar atrás" é a mensaxe coa que resumen a súa reivindicación, na que piden información, transparencia e que as infraestruturas comprometidas cheguen realmente aos lugares previstos.