Pino acollerá novos obradoiros de ganchillo e costura a partir de outubro

A Asociación Veciñal e Cultural de San Martiño de Pino pon en marcha unha nova programación de actividades centrada nas labores tradicionais, con dous obradoiros dirixidos a persoas interesadas en aprender ou perfeccionar técnicas de gancho e costura.
O primeiro dos cursos estará dedicado ao gancho e á calceta, baixo o título Punto de cruz, e será impartido por María Jesús. As sesións celebraranse o primeiro e terceiro sábado de cada mes, entre as 16.00 e as 18.00 horas, no local social da Escola de Pino.
A segunda proposta será un obradoiro de costura a cargo de Aurora. Nesta ocasión, as clases terán lugar tamén os primeiros e terceiros sábados de cada mes, pero en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, no mesmo local.
As actividades están abertas tanto ás persoas socias como ao público xeral. Para os socios a participación será gratuíta, mentres que os non socios deberán aboar 15 euros.
Con estas iniciativas, a asociación busca ofrecer un espazo de aprendizaxe e encontro veciñal arredor das labores artesanais, recuperando e mantendo vivas técnicas tradicionais a través de actividades abertas á participación da veciñanza.