Pola “nula colaboración e transparencia” da Xunta, a Deputación non comparecerá no Parlamento

TerraChaXa
Partindo da premisa de que a comparecencia das Deputacións no Parlamento para explicar o orzamento provincial é voluntaria; o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, adiantou este xoves que remitirá o documento completo do Orzamento para 2018 con todos os detalles; que as liñas xerais do mesmo volverán a ser o impulso do emprego, das infraestruturas e do benestar nos 67 Concellos da provincia a través dunhas contas obxectivas e xustas que respondan por igual ás necesidades dos máis de 300.
depu psanmarcos
2 Nov 2017

Partindo da premisa de que a comparecencia das Deputacións no Parlamento para explicar o orzamento provincial é voluntaria; o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, adiantou este xoves que remitirá o documento completo do Orzamento para 2018 con todos os detalles; que as liñas xerais do mesmo volverán a ser o impulso do emprego, das infraestruturas e do benestar nos 67 Concellos da provincia a través dunhas contas obxectivas e xustas que respondan por igual ás necesidades dos máis de 300.000 lucenses; e que este ano non comparecerá no Parlamento galego por dúas razóns: 1) a “nula colaboración institucional e económica” da Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo e 2) a “total falta de transparencia e obxectividade” dos investimentos da Xunta que o Goberno galego decide facer “en tan só nuns poucos Concellos da provincia de Lugo de xeito discriminatorio e partidista”.

Campos Conde explicou que “levo dous anos comparecendo no Parlamento galego para explicar as liñas xerais do Presuposto da Deputación de Lugo nun exemplo de absoluta transparencia e colaboración institucional, que nin é recíproca, nin acadou ningún resultado. Despois de dous anos, segue sen existir unha relación económica e colaboradora da Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo para impulsar proxectos que fomenten as infraestruturas, o emprego e o benestar nunha provincia, como a de Lugo, eminentemente rural, envellecida e cunha forte dispersión xeográfica, que require da atención da que é a principal administración en Galicia, a Xunta, para, verdadeiramente, atender, dende o público, aos máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos lucenses”.

“Nula colaboración institucional e económica”
“A Xunta non atendeu ningún dos 12 retos que lle plantei a Feijóo na reunión que mantivemos. Por exemplo, seguimos sen a necesaria colaboración para abrir as residencias, pois continúan a poñer trabas na concesión dos permisos autonómicos obrigatorios por lei. Seguen sen financiar o SAF básico, cuxos custos asume en solitario a Deputación de Lugo, cando hai unha sentenza que establece o co-financiamento por parte de ambas as dúas institucións. Tampouco achegan a parte que lles corresponde para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo cos do resto de provincias”.

“Hai un trato claramente discriminatorio por parte da Xunta con esta Deputación e, polo tanto, coa provincia de Lugo. En Ourense, o Goberno galego financia dende a Xunta en maior porcentaxe os parques de bombeiros (61% fronte ao 50%) e si aumentou os salarios destes profesionais. Sabemos que o Executivo autonómico aprobou recentemente un convenio de colaboración entre a Xunta e a Deputación de Ourense de 1 millón para instalacións deportivas. En Lugo, é a Deputación a única administración que inviste neste eido. Levamos feito un esforzo de case 2 millóns nos Concellos”.

“Total falta de transparencia e obxectividade”
“A falta de transparencia e obxectividade na distribución dos fondos públicos da Xunta de Galicia nesta provincia é máis que evidente. Enterámonos a través de puntuais publicacións no DOGA que o Goberno galego repartiu antes das eleccións autonómicas, de xeito discriminatorio e totalmente partidista, 13 millóns de euros nuns poucos Concellos da provincia, todos eles gobernados polo Partido Popular. E temos constancia, de que esta situación se volveu a repetir”.

“Predicar co exemplo”
“Nós non vamos a ser cómplices do Goberno galego. Non vamos a contribuír a tapar a súa falta de transparencia e obxectividade. E imos a predicar co exemplo, pois, aínda que non compareza no Parlamento galego, si enviarei o documento completo do Orzamento da Deputación para 2018 con todos os seus detalles. As súas liñas xerais volverán a ser o impulso das infraestruturas, do emprego e do benestar nos 67 Concellos da provincia. Volverán a ser unhas contas obxectivas e xustas, que respondan por igual ás necesidades dos máis de 300.000 lucenses”, destacou.

0.16238379478455