Policía Local e Garda Civil de Vilalba formáronse sobre igualdade e violencia de xénero

TerraChaXa
Membros da Policía Local e a Garda Civil de Vilalba veñen de recibir unhas sesións formativas sobre igualdade e violencia de xénero.
policia local sirena
11 Xuño 2021

Os corpos de seguridade da Policía Local e a Garda Civil de Vilalba veñen de recibir unhas sesións formativas sobre igualdade, violencia de xénero e tratamento dos delitos de odio. A intención desta iniciativa que parte do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade é dar cumprimento dun dos puntos recollidos no III Plan de Igualdade, mellorando a formación das forzas e corpos de seguridade como axentes que interveñen no proceso da violencia de xénero.

Un dos principais obxectivos desta iniciativa foi aportar ferramentas para implementar melloras e incorporar a perspectiva de xénero, así como apoiar a formación do persoal de seguridade na detección e identificación dos delitos de odio. Outro dos eixos fundamentais foi asesorar aos policías e gardas na correcta atención ás vítimas das violencias machistas, tanto no primeiro momento de denuncia como nos casos de seguimento.

Os contidos a tratar articuláronse sobre tres eixos. No que atinxe á igualdade de xénero, traballaron sobre o concepto e a evolución histórica do mesmo, centrándose na normativa e papel dos corpos e forzas de seguridade. A violencia de xénero ocupou gran parte das xornadas, analizando a normativa e recursos e ampliando a mirada sobre todas as violencias machistas que sofren as mulleres. Tamén se trataron os delitos de odio, aproximándose aos delitos por racismo, xenofobia e o odio á diferencia, prestando especial atención ao caso específico da LGTBI fobia, trazando algúns protocolos de actuación.

As xornadas tiveron lugar en días distintos, cun total de 8 horas para esta primeira iniciativa. Debido á satisfacción do persoal, o goberno local daralle carácter de continuidade para seguir ofrecendo xornadas de formación neste eido e avanzar cara o cumprimento do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes, no que ten especial relevancia o tratamento da violencia de xénero e a necesaria especialización dos distintos axentes que interveñen neste proceso.

0.081125974655151