Ponse en marcha a campaña nacional contra a violencia de xénero
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou que o plan de continxencia contra a violencia machista inclúe, dentro da campaña Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas, apoio psicolóxico ás vítimas a través de Whatsapp. Trátase dunha iniciativa específica deseñada para previr a violencia machista durante o actual estado de alarma.
A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e a Secretaría de Estado de Igualdade expoñen esta campaña, que inclúe material para establecementos públicos, comunidades de veciños, transporte público e redes sociais. Existen unha serie de carteis pensados para despregar nestas zonas e que, coa súa información, as vítimas poidan ter acceso a todos os servizos.
Lembran que o 016 é o número de información gratuíto, que non deixa rexistro na factura aínda que hai que borralo da listaxe de chamadas do teléfono, e o 112 é o número para emerxencias. Engaden, ademais, o 682916136 como teléfono de apoio psicolóxico telefónico e o 682508507 como número para o mesmo fin, aínda que con respaldo psicolóxico a través de Whatsapp.
Outra das novidades da campaña é unha imaxe para portadas de Facebook ou Twitter, proposta para aquelas persoas que se animen a facer uso delas. Estas imaxes inclúen, ao subila, a mensaxe de que “neste perfil non se tolera a violencia machista”. Ademais, ofrecen a quen o le, ademais do contacto co 016, axuda “a través de mensaxe privada”, por se algunha vítima prefire apoiarse nunha amizade.
Ocorre o mesmo cos carteis deseñados especificamente para transporte público, onde se ofrece a axuda do condutor, ou para establecementos comerciais, onde aqueles que se adhiran, tamén ofrecen respaldo ás vítimas e avisar aos servizos de emerxencias se é necesario.
O delegado do Goberno en Galicia lembrou que o plan de continxencia inclúe outras medidas pensadas para o actual estado de alarma. En concreto, citou o feito de que se abriu a atención policial ás vítimas tamén por Whatsapp, pensada para aquelas que conviven cos seus agresores.