Ponse en marcha a sexta edición do Programa Integrado de Emprego
O Concello das Pontes pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, en colaboración cos Concellos da Capela e As Somozas, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e cofinanciado polas entidades Local.
O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, está dirixido á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral mediante diferentes accións formativas.
A través deste programa formativo ofreceráselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.
O Programa Integrado de Emprego das Pontes inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.
Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre operacións con plataforma elevadora e operacións con carretilla elevadora con prácticas non laborais en empresas así como operacións con carretilla transpaleta e apilador (Categoría 1, Tipos 1 e 3). Tamén haberá formación para obter o título de monitor de tempo libre e de manipulador de alimentos e formación con prácticas non laborais en empresas sobre limpeza en instalacións e equipamentos e carpintería metálica.
O Programa Integrado de Emprego das Pontes tamén inclúe un curso de iniciación en competencias dixitais básicas, competencias dixitais básicas para o emprego, formación en igualdade de oportunidades, un curso básico de prevención de riscos laborais así como español elemental para persoas estranxeiras e unhas xornadas de motivación emprendedora.
A selección das persoas beneficiarias realizarase a través da dirección do programa e, para tal efecto, as persoas interesadas en formar parte do Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes poderán efectuar a inscrición, desde o día 2 de outubro, no IPPEC, situado na planta baixa da casa consistorial, en horario de 09:00 a 14:00 horas.
As persoas participantes no Programa Integrado de Emprego terán dereito a percibir unha bolsa consistente en 10 euros por día de asistencia ás accións do programa e o Programa Integrado de Emprego cubrirá os gastos de coidado e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes para facilitar a asistencia ás distintas accións do programa (menores de 3 a 12 anos).
O orzamento do Programa Integrado é de 175.000 euros, dos cales 140.000 euros son achegados pola Consellería Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, e 35.000 euros polas entidades locais.