Ponse en marcha en Vilalba o obradoiro Terra Chá no Camiño V
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, asinou onte os contratos dos 14 alumnos e alumnas que participan na quinta edición do obradoiro de emprego Terra Cha no Camiño e que darán comezo á súa actividade esta mesma semana.
Como na edición anterior, haberá dúas especialidades diferentes, Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes en Vilalba, con 7 alumnos e alumnas cada unha.
“A través desta iniciativa, dende o Concello, contribuímos a mellorar a inserción laboral dos nosos veciños e veciñas, que obterán destes obradoiros formación teórica e práctica para o seu desenvolvemento no mercado laboral”, explicou Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba.
Durante os vindeiros 12 meses, os alumnos e alumnas recibirán formación teórica e práctica, e ao rematar o obradoiro obterán un diploma que acredita a súa nova cualificación profesional.