Ponte de Outeiro celebra este sábado a segunda edición da Festa da Xuventude

LugoXa | TerraChaXa
A xornada festiva dará comezo ás 13.00 horas coa misa parroquial e a correspondente procesión do Corpus Christi, seguida da sesión vermú amenizada polo dúo EPO-K
festa-da-xuventude-ponte-de-outeiro
4 Jun 2026

A Xunta de Galicia apoia a segunda edición da Festa da Xuventude, que organiza a Asociación Cultural e Veciñal Virxe da Portería este sábado, 6 de xuño, na parroquia da Ponte de Outeiro, no concello de Castro de Rei. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da programación, na que participaron o delegado territorial, Alfonso Villares; o alcalde do municipio, Francisco Balado, e representantes da entidade promotora.

Villares lembrou que a asociación recuperou o ano pasado a tradicional celebración do Corpus Christi na parroquia despois de décadas sen celebrarse, e gabou o seu compromiso “por impulsar actividades que fortalecen a convivencia e melloran a vida dos veciños e veciñas da contorna”.

A xornada festiva dará comezo ás 13.00 horas coa misa parroquial e a correspondente procesión do Corpus Christi, seguida da sesión vermú amenizada polo dúo EPO-K. Ás 15.00 horas celebrarase un xantar popular, servido por Catering Ricardo, que reunirá a numerosos asistentes arredor dunha comida de confraternidade.

Durante a tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse diferentes sorteos e actividades de animación para todos os públicos. A música continuará coa actuación da Charanga 555, encargada de poñer ritmo e ambiente festivo á celebración.

Xa pola noite, arredor das 19.00 horas, haberá unha cea a base de petiscos e continuará a animación musical co dúo EPO-K.

A Festa da Xuventude conta coa colaboración de distintas entidades e empresas da zona, así como co apoio institucional da Xunta de Galicia e do Concello de Castro de Rei, contribuíndo a dinamizar a vida social e cultural do rural lucense.

0.1009829044342