Pontón destaca que o BNG con Francisco Novo é a alternativa para abrir un tempo novo en Vilalba

GaliciaXa | TerraChaXa
“Temos un proxecto de futuro para este concello que merece máis calidade de vida e máis dinamismo social, económico e cultural”, alegou
presentacion-bng-vilalba-francisco-novo
17 Oct 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Vilalba, Francisco Xabier Novo, convencida de que o modelo municipal de éxito que ofrece o Bloque é a mellor alternativa para darlle a este concello un futuro mellor.

“Vilalba precisa abrir un tempo novo con ilusión e con ambición e, para iso, desde o BNG ofrecemos un proxecto para avanzar e un gran candidato, Francisco Xabier Novo. Proxecto e candidato solventes son a combinación perfecta para unha Vilalba que merece máis, máis calidade de vida, mellores servizos públicos; merece máis dinamismo económico, social e cultural”, destacou.

A líder do Bloque indicou que para ter “resultados diferentes, hai que abrir camiños diferentes e ilusionantes”, como os que ofrece o modelo municipal de éxito do BNG, “que funciona, que mellora a vida da xente, demostrámolo alí onde gobernamos, e ese modelo é o que queremos para Vilalba”.

Porque Vilalba, destacou, non pode seguir perdendo oportunidades porque lle falten infraestruturas que son esenciais; non pode ser que en 2026 un concello coma Vilalba teña parroquias sen servizos básicos, nin pode ser que careza dun plan que rehabilite e poña en valor o centro histórico e o gran patrimonio arqueolóxico do que dispón a vila. “No BNG temos proxecto para Vilalba e estamos preparados para darlle máis e mellores servizos públicos como facemos alí onde gobernamos, demostrando que sabemos facer as cousas ben”, argumentou a portavoz nacional.

Neste sentido, explicou, os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, que xestionan con eficacia cada euro, que transforman en positivo e que colocan ás persoas no centro da súa actuación política; “porque non estamos en política para quentar unha cadeira, nin estamos para xestionar desde a rutina; ao contrario, queremos concellos que avanzan, que miran ao futuro con optimismo”. Ese modelo é o que o BNG quere tamén para Vilalba sendo decisivos a partir do 23 de maio.

De cara a esa cita electoral, Pontón destacou que a veciñanza pode confiar no BNG, “porque aquí estamos coa man tendida, cun gran proxecto e cun gran candidato para abrir un tempo novo neste concello”. A líder do Bloque amosouse convencida de que tanto o candidato como o resto de compañeiros e compañeiras que conformen a candidatura “van traballar arreo ao longo dos meses que quedan por diante até as municipais de maio de 2027 para explicarlle a cada veciño e a cada veciña o noso proxecto a favor deste concello; para sumar a todas as persoas que saben que outra Vilalba mellor é posible”.

“Sabemos facer ben as cousas, construíndo concellos que son un modelo a seguir, referentes no económico, no social e no cultural. Ese é o modelo municipal de éxito do BNG que da como resultado concellos que funcionan, que avanzan, que melloran a vida da xente. Por iso, imos a por todas, con ilusión, con humildade, pero coa máxima ambición para darlle a este concello o futuro que merece e construír unha Vilalba en grande”, concluíu.

0.15274715423584