Presentada unha nova edición da Feira do Cabalo de Friol, que será o 26 de maio

LugoXa | TerraChaXa
As inscricións están abertas ata as 15:00 h do xoves 23 de maio
feira-do-cabalo-friol
Presentación da Feira do Cabalo e Friol
19 Maio 2024

O Concello de Friol presenta o cartel da Feira do Cabalo, que se celebrará o domingo día 26 de maio no recinto do Mercado Municipal. Na presentación que tivo lugar este venres estiveron presentes o Alcalde de Friol, José Á. Santos, xunto con outros representantes da corporación municipal, que estiveron acompañados por Jorge Lodeiro, Jose Manuel Núñez, Ana López, Rubén e Rebeca Vázquez, e Unai Frías, veciños e veciñas de Friol, amantes dos cabalos que tamén son protagonistas do evento, sendo os encargados de organizar esta feira en colaboración co Concello de Friol.

O transcurso da feira terá lugar durante todo o día no mercado municipal, finalizando coa entrega dos premios correspondentes.

Ás 8:30 abrirase o recinto feiral e xa se dará inicio á compra e venta de gando equino, para continuar ás 9:30 cos concursos morfolóxicos (cruzados, PRE e PRA). En todas as categorías haberá sección de poldros e poldras ata dous anos e a partir de dous anos sección adultos.

Despois do xantar, ás 15:30, realizaranse a Andadura Tradicional Galega e a Andadura Libre, continuando con carreiras de trote ás 18:30 e rematando con unha xincana ás 19:00 h.

Ás oito da tarde pecharase a Feira coa entrega de premios, que serán 3 por categoría, con un trofeo, e un premio económico de 150, 100 ou 50 € segundo sexa 1º, 2º ou 3º respectivamente. A maiores, nas carreiras de Andadura, o 4º e 5º posto levarán como premio un saco de penso.

As inscricións están abertas ata as 15:00 h do xoves 23 de maio.

Realizarase o sorteo de un poldro e de agasallos variados. E haberá ponis para o desfrute dos mais pequenos.

Dende a organización resaltan que cada xinete debe acudir co seu libro correspondente e que o uso de casco será obrigatorio.

O Alcalde de Friol, José Á. Santos, “agradece a este grupo de veciños e veciñas de Friol o seu traballo intenso nos últimos meses, así como a implicación directa na organización desta edición da Feira do Cabalo de Friol”, o Alcalde, “tamén convida aos amantes dos cabalos e a todas as persoas en xeral que queiran pasar un día dedicado ao mundo equino, bonito e divertido a que nos acompañen na Feira do Cabalo de Friol”.

feira-cabalo-friol
0.11447095870972