Presentada unha nova edición da Romaxe Artesá da Chaira, que será o día 23 en Muras

Muras celebrará o vindeiro 23 de maio a décima edición da Romaxe Artesá da Chaira, organizada polo Concello coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O programa presentouse esta tarde na área recreativa da Veiga, que serve tamén de escenario para a feira de artesanía, cunha vintena de postos, e os eventos lúdicos e musicais que se programan durante a xornada. O acto contou ca presenza do alcalde de Muras Manuel Requeijo, a tenente de alcalde, Paula Gómez, a concelleira de Servizos Sociais, Azucena Camba, o deputado de Rural Daniel García Fernández e a artista Mercedes Peón, que porá o peche musical á Romaxe.
Manuel Requeijo lembrou os inicios da Romaxe, da man da Asociación de Obradoiros de Artesáns da Chaira, para poñer en valor os oficios tradicionais" e valorou unha traxectoria da que destacou "o coidado na selección dos postos de artesanía da feira, que a converteron nunha referencia. Todos os anos temos unha gran demanda por parte de artesáns e artesás para poñerse na feira"
Requeijo destacou a aposta por unha ampla programación musical e lúdica pensada “para un público variado, especialmente para familias" e puxo en valor "o espazo natural que acolle a feira e que simboliza a paisaxe e os valores ambientais que son sinal de identidade de Muras".
O deputado Daniel García reafirmou o "apoio da Vicepresidencia da Deputación á Romaxe, que pon en valor a artesanía e a música tradicional, dous piares da nosa cultura" e destacou "o concerto de Mercedes Peón como un reflexo da calidade, do coidado e do compromiso co que se organiza. Será unha marabilla", anticipou.
A respecto do concerto, Mercedes Peón avanzou un concerto "enerxético" e "emocionante" no que interpretará unha escolma de temas do seu repertorio nun formato que dará gran protagonismo aos instrumentos de corda.
Programa
A feira abrirá as 11.00 horas cunha vintena postos de artesanía e acollerá diferentes actividades para dinamizar o espazo e fomentar a participación e a interacción do público. Xogos tradicionais a cargo de Xotramu, un obradoiro de elaboración dunha malva artesanal, a música da Mekanika Rolling Band, un obradoiro de elaboración de filloas, a maxia do Mago Antón ou unha foliada con Fol do Raxal, Airiños do Eume e Os Feroces da Galgueira animarán a Romaxe ao longo da xornada. Os concertos d banda Brúa (20.00 horas) e Mercedes Peón (21.00 horas), acompañada por
Ingrávida, pecharán a xornada.