Presentado o programa da Feira do Mel de Montaña de Muras

TerraChaXa
A feira, que se celebrará na Praza do Viveiró, contará con máis dunha vintena de postos de venda de mel e doutros produtos de temporada e proximidade
Feira-do-Mel-de-Muras
12 Nov 2024

Muras celebra o domingo a novena edición da Feira do Mel de Montaña, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro; o alcalde de Muras Manuel Requeijo, a tenente alcalde Paula Gómez, acompañados por Manuel Ferreira da Casa do Mel, presentaron o programa de actividades, que pon en valor a calidade do mel das producións locais.

A feira, que se celebrará na Praza do Viveiró, contará con máis dunha vintena de postos de venda de mel e doutros produtos de temporada e proximidade, entre eles oito postos de apicultores e apicultoras de Muras.

Manuel Requeijo puxo en relevo a traxectoria da feira “que xurdiu de xeito humilde para dinamizar e dar vida a esta zona do concello, e que se consolidou como unha feira de referencia para as producións locais e para o sector como demostra o interese dos apicultores e apicultoras en poñer os seus postos na feira”.

Efrén Castro destacou “a importancia destas iniciativas de promoción e comercialización directa que apoian a produción de alimentos de proximidade e a diversificación produtiva no sector primario, neste caso, unha actividade como a apicultura que xera rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúe ao mantemento do medio natural” e valorou “o traballo que o goberno municipal de Muras vén desenvolvendo para dinamizar económica e socialmente o concello a partir do aproveitamento do monte e dos recursos naturais”.

A feira compleméntase cun programa lúdico con demostracións de cociña -co cociñeiro e micólogo Antonio Díaz-, un obradoiro de cociña infantil, un magosto popular e animación musical e espectáculos infantís no recinto durante toda a xornada (con Zanqueiro Borja Insua, Grupo Silabarda e Títieres Alakran).

Ademais, na véspera da feira, celébrase unha xornada técnica cunha cata de mel de Montaña na que se premia a calidade das producións participantes e unha charla divulgativa sobre xestión e manexo de producións apícolas.

Sábado 16 de novembro

  • 17.00 horas
    Cata de Mel de Montaña
  • 19:30 horas
    Charla a cargo de David Liñares, apicultor profesional “Xestión e manexo durante o ano dunha produción apícola”
  • 21.30 horas
    Degustación de liscos de balde, animada polo Trio Ronsel

Domingo 17 de novembro

  • 10.00 horas
    Apertura da Feira do Mel de Montaña
    Animación a cargo de Zanqueiro Borja Insúa
  • 10.45 horas
    Actuación Musical co Grupo Silabarda
  • 12.00 horas
    Showcooking a cargo de Antonio Díaz “Xantares con mel de Muras, cogomelos e produtos de proximidade”
  • 16.00 horas
    Títeres Alakran, reprsentación do espectáculo “ A Cuba”
  • 17.00 horas
    Taller de cociña infantil e magosto popular
  • 18:00 horas
    Entrega de premios
0.15827012062073