Presentado o programa da segunda edición da Festa dos Ovos Rotos con Chourizo de Ribeiras do Lea

LugoXa | TerraChaXa
As actividades comezarán ás 11,00 horas coa apertura da feira de artesanía e durarán todo o día
festa-ovos-fritos-con-chourizo-ribeiras-de-lea-presentacion
10 sep 2024

A II Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía de Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, celébrase o día 28 de setembro co apoio da Xunta.

A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación do programa, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado; e membros da Asociación de Veciños Ribeiras do Lea, organizadora do evento.

As actividades comezarán ás 11,00 horas coa apertura da feira de artesanía e durarán todo o día. Ás 14,45 horas servirase o xantar popular baixo carpa, que terá como prato principal o que lle dá nome á festa. Para participar hai que adquirir o tícket previamente - a data límite é o 25 de setembro - nos establecementos e números de teléfono habilitados pola organización (figuran no cartel anunciador e nas redes sociais da asociación).

A xornada tamén contará cunha das foodtrucks itinerantes que percorren Galicia a través da campaña Galicia Sabe Amar, impulsada pola Consellería do Mar para divulgar a gran calidade e variedade de peixes e mariscos cos que conta a Comunidade. As persoas que se acheguen ao posto poderán degustar de xeito gratuíto petiscos elaborados con produtos certificados do mar.

O programa inclúe ademais expositores e talleres de artesanía, xogos tradicionais, exhibición de coches clásicos, actuacións musicais e un espectáculo humorístico co monologuista Xan Veiga.

Arias gabou esta iniciativa que promove por segundo ano a Asociación de Veciños Ribeiras do Lea para dinamizar a parroquia. Afirmou que a Xunta colabora con colectivos de toda a provincia na organización de actividades lúdicas, culturais e deportivas “que revitalizan os concellos e fomentan as relacións veciñais”.

0.065614938735962