Presentan a planta de hidróxeno verde das Pontes

TerraChaXa
Presentan coas autoridades a planta de hidroxeno verde que Reaganosa e EDPR proxectan no municipio das Pontes
CENTRO DE DIA ABADIN ACTIVIDADES9
12 Xul 2022

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Industria, Ana Pena, participaron está maña, xunto co director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, e o delegado de EDPR en Galicia e o conselleiro de Industria, Francisco Conde, na presentación da planta de hidroxeno verde que ambas empresas proxectan no municipio.

González Formoso sinalou que se “trata dun proxecto ilusionante e no que levamos, todos, tempo traballando e que significa que As Pontes, que é unha referencia no ámbito enerxético desde hai décadas, seguirá a selo. Temos presenza de enerxías renovables e de enerxías convencionais a agora imos ter tamén un papel destacado nun ámbito que será o reto do século XXI como é o  do almacenamento enerxético”.

O rexedor local tamén sinalou que o hidróxeno verde é unha ferramenta que a Unión Europea quere impulsar para garantir a autosuficiencia enerxética no noso país e “nese vector, As Pontes ofrécese, como sempre, para ser emprazamento de proxectos industriais e, sobre todo, enerxéticos".

Pola súa banda, o director xeral de Reganosa, agradeceu o compromiso do Concello das Pontes e o goberno autonómico “para levar o proxecto ata onde hoxe estamos. Un proxecto maduro no que levamos traballando máis de dous anos, cunha visión a longo prazo e entendendo o rol que o hidróxeno xogará nos sistemas enerxéticos do futuro, en particular en Europa, desde o punto de vista da seguridade da subministración".

Bruquetas destacou o papel chave xogado polo Concello das Pontes ao poñer a disposición os terreos do Tesouro para facer realidade o proxecto así como a implicación do goberno autonómico creando a figura de proxecto industrial estratéxico ao que se acollerá a planta de hidróxeno verde das Pontes para a súa tramitación.

Durante a súa exposición, o directo xeral de Reganosa tamén incidiu na importancia que para ambas empresas ten o emprego local “comprometéndonos a favorecer a entrada e integración de todas aquelas persoas afectadas pola transición xusta do municipio e a comarca”.

Tamén subliñou que parte do valor do proxecto quedará no municipio e na comarca de Ferrolterra, anunciando a incorporación de Siemens, empresa responsable da elaboración dos electrolizadores que se implantarán nas Pontes.

Finalmente, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, destacou o papel estratéxico do proxecto para abordar a reindustrialización da comarca e que vai a “permitir vincular o desenvolvemento enerxético aos proxectos industriais que se están desenvolvendo nas Pontes. Unha forma de entender a transición xusta, con base na colaboración público privada, e que permite ter un impacto positivo na xeración de emprego e de oportunidades industriais”.

0.1193470954895