Presentan a primeira concentración de escolas de rugby que terá lugar en Vilalba

TerraChaXa
O Capóns de Vilalba Rugby Club organiza unha cita que traerá á capital chairega 16 clubs e máis de 300 rapaces e rapazas
concentracion-rugby-vilalba
10 Oct 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, presentaron hoxe a I Concentración de Escolas de Rugby xunto ao presidente do Capóns de Vilalba Rugby Club, Alfredo Pintor, cuxo equipo será o anfitrión da xuntanza.

O vindeiro sábado 19 de outubro, a partir das 10:30 horas, terá lugar a I Concentración de Escolas de Rugby da tempada no Estadio Municipal da Madalena e o campo anexo, recentemente acondicionado polo Concello para a práctica do rugby.

"Estamos comprometidos co deporte e coas nosas instalacións deportivas, así o amosamos coas numerosas inversións e actuacións que vimos de realizar na meirande parte delas", sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, quen engadiu que "no campo de rugby levouse a cabo un adecentamento para adaptalo á práctica deste deporte, colocando dúas novas porterías e acondicionando o terreo á normativa".

Grazas a este evento, chegarán a Vilalba tódalas escolas de rugby base de Galicia, é dicir, 16 clubs de rugby procedentes de diversos municipios galegos. O que suporá unha concentración de máis de 300 rapaces e rapazas que practican este deporte en catro categorías diferentes: M6, M8, M10 e M12.

Nesa liña, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, amosou o seu agradecemento ao equipo anfitrión, o Capóns de Vilalba Rugby Club, a quen recoñeceu "o magnífico traballo que fai, o seu compromiso con este deporte e a súa predisposición para organizar eventos deste nivel, que son un beneficio para o deporte pero tamén para a vila e para todos os veciños e veciñas".
Ademais da colaboración do Concello de Vilalba, a organización tamén contará co apoio da Federación Galega de Rugby que nesta ocasión depositou a súa confianza en Vilalba para convertela, por primeira vez, no epicentro da I Concentración de Escolas de Rugby.

0.15828704833984