Presentan a XIV Edición da Tasca do Liño de Insua
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este mércores no Pazo de San Marcos a XIV edición da Tasca do Liño de San Bartolomé de Insua, en Vilalba, que se celebrará o vindeiro sábado na parroquia chairega. A Deputación de Lugo colabora con esta cita cunha achega de institución provincial colabora con 2.000 euros.
No acto tamén participaron a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta da Asociación Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato.
García Porto felicitou á entidade organizadora da Tasca do Liño, poñendo en valor que a cita “visibiliza un oficio vencellado ao noso rural que permanecía esquecido en moitos lugares”. “Recuperan o noso pasado para que poidamos ter futuro, porque toda a nosa tradición, esa gran riqueza do patrimonio material e inmaterial que temos como país, debe ser un elemento para seguir impulsando o desenvolvemento do noso rural”, sinalou a Deputada.
Incidiu neste sentido en que a Deputación apoia a Tasca do Liño “porque promociona e coida todo o noso legado cultural e, ademais, contribúe á promoción do territorio e a situar no mapa parroquias coma A Insua”.
PROGRAMA
Ese sábado, o programa abrirá co pregón da escritora Marica Campo, ás 11.15 horas, á que acompañarán Corredores de Sombras co poema musicado A Tasca, de Emilia Martínez, gañadora do II Certame de Poesía.
Ás doce haberá un recital poético a cargo de Anxo Angueira, escritor e director da Fundación Rosalía de Castro.
O prato forte do día, a demostración da Tasca terá lugar ás 12.45 horas, que rematará coa actuación da Charanga de Vilalba, antes do xantar, do que se ocupará o Food Truck AleAlé.
Ás 16.00 horas arrancarán as sesións de tarde con xogos tradicionais a cargo de Xotramu e a entrega de premios dos certames e poesía e debuxo.
Continuará a programación cunha degustación de Cacho e tras unha nova demostración da Tasca do Liño, ás 18.00 horas, terá lugar a actuación da escola de baile tradicional OxeitO con Verbena galega d'antes.
A festa rematará co conxuro da queimada a cargo de Manuel Ferreiro.
Como vén sendo tradicional, durante a xornada haberá postos artesáns e varias mostras de artesanía en vivo, ademais dunha mostra de bonecas e corozas do Centro de Artesanía e Deseño e outra fotográfica da asociación e do Iescha.
Como complemento haberá degustación de galo de Mos e de cervexa artesá AleAlé ademais dunha demostración de pandeiros de Xaneco.