Presentan o primeiro festival Entrepontes de Rábade, que será este sábado

TerraChaXa | LugoXa
O colectivo Fillos da Chaira de Rábade vén de convocar a celebración dun festival que se desenvolverá na localidade co título Entrepontes.
presentacion festival entrepontes rabade
9 Maio 2023

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns na presentación da primeira edición do Festival Entrepontes, en Rábade, organizado pola Asociación Cultural Fillos do Chaira. A Deputación de Lugo apoia esta cita, que se suma ao panorama musical da provincia o vindeiro sábado 13 de maio, cunha achega de 10.000 euros.

García Porto felicitou aos organizadores polo “esforzo que fixeron para sacar adiante esta nova actividade, que é gratuíta e que acerca ós veciños de Rábade e ó público en xeral ó bo facer dunha mostra moi variada de grupos galegos”. A tamén voceira socialista do Goberno provincial puxo en valor o festival “porque supón unha aposta polo talento dos músicos galegos, por achegar a actividade cultural ó noso rural e, ademais, porque se converte nun elemento máis de atracción dese turismo de proximidade que potenciamos dende a Deputación”.

“A xente busca actividades que lle axuden a organizar as súas pequenas escapadas de fin de semana e este festival Entrepontes é sen dúbida unha proposta estupenda”, celebrou Pilar García Porto na presentación. No acto estivo acompañada do Alcalde do Concello de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes; o tenente de Alcalde rabadense, Alejandro Martínez Campos, e o presidente da organización, Óscar López.

O colectivo Fillos da Chaira de Rábade pechou o cartel do Festival Entrepontes, o primeiro que se organiza na vila e unha cita coa música gratuíta para os asistentes.

A primeira confirmación do festival foi o grupo Ninghures, que levará á vial o seu fresh folk galego dentro da xira de presentación do seu novo album: Aquí.

Estará Grande Amore como cabeza de cartel, para cantarlle á festa e ao amor co seu estilo inspirado no rock, no pop e no techno dos oitenta. Engádese tamén A Banda da Balbina, un grupo que non necesita presentación.

Como representantes do Celtic punk estarán tamén Tecor Societario aos que se suma Dos en Punto, un dúo que nos fará viaxar no tempo para cantar (ou berrear, cada un co seu) os éxitos do pop español de tódalas épocas.

Pecha o cartel Pacrispa DJ, que fará unha sesión cos mellores temas para que a troula continúe. Non faltará tamén a música para os máis pequenos, así que, ás 18.00 horas estará Pakolas, rocleando coa Ramona pequena.

O festival contará cunha xornada chea de actividades na que consideran que será primeira edición dun festival que nace con aires de continuidade e aseguran que haberá máis sorpresas nas próximas datas. Unha desas actividades será a celebración dun taller de baile tradicional a cargo de Adrián Méndez, de Ninghures, ás 19.15 horas.

Ademais, a organización do festival asegura que haberá acampada de balde no campo de fútbol Catro Ventos, situado moi preto do campo da festa, onde se vai desenvolver o festival.

cartel festival entrepontes rabade
entrepontes cartel con horarios
0.15427398681641