Preto de 1.400 lucenses maiores e con capacidades diferentes participarán no Movémonos do Goberno da Deputación

TerraChaXa
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este venres no Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do Movémonos, o programa deportivo, saudable e social que o organismo provincial retoma este mes de outubro no rural lugués.
Darío Campos presenta unha nova edición do programa Mo Vémonos
Darío Campos presenta unha nova edición do programa Mo Vémonos
10 Nov 2017

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este venres no Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do Movémonos, o programa deportivo, saudable e social que o organismo provincial retoma este mes de outubro no rural lugués. No acto tamén participou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Concelleira de Economía, Ana Prieto, así como representantes de numerosas asociacións que participan nesta programación.

Campos Conde subliñou que “este ano incrementamos o número de participantes, pois debido ao éxito de pasadas edicións do programa, once novas asociacións de toda a provincia decidiron solicitar esta programación. Movémonos está encamiñado a vencer os obstáculos que dificultan a práctica deportiva, promovendo a actividade física moderada en colectivos de distinta índole afincados en concellos lucenses, cuxo acceso á práctica deportiva e aos seus beneficios se atopa limitado”.

93 asociacións de toda a provincia
Un total de 93 asociacións, 28 da zona norte, 49 do centro e 16 do sur da provincia participan neste programa, achegando numerosas actividades deportivas a máis de 1.400 lucenses maiores ou con capacidades diferentes. Movémonos comezará o día 13 de novembro e prolongarase ata xuño de 2018.

Asociacións da Terra Chá
- Begonte: AAVV Os Milagros de Saavedra, A. Cultural Deportiva San Vicente de Pena, Asociación Feira do Barrazoso de Gaibor e Asociación de Veciños de Carballido

- Castro De Rei: Cruz Vermella Castro Ribeiras Do Lea

- Cospeito: UDP Cospeito, A.C. Aquilino Iglesias Alvariño (MUIMENTA) e Asociación de Veciños Doncos

- Friol: Asociación Carballo Vivo

- Meira: Asociación Cultural Eme De Meira

- Muras: Asociación Cultural Xistral

- A Pastoriza: Asociación Cultural Zampalladas, Asociación Crecente, Asociación Lume Novo, Asociación Fonmiñá, Asociación Cultural Veciñal A Rigueira e Asociación de Veciños Campo Cruceiro.

- Pol: UDP De Pol - Local Mosteiro

- Vilalba: Asfadivi

- Rábade: Asociación De Xubilados Rábade

- Xermade: AAVV Cazas, Asoc. De Mulleres Rurais Saudade Momán e AAVV Roupar.

Actividades
A metodoloxía de traballo basearase no Enfoque educativo do Construtivismo, o cal concibe a aprendizaxe como resultado dun proceso de construción persoal-colectiva dos novos coñecementos, a partir dos xa existentes e en cooperación cos compañeiros/as e os/as facilitadores/as. As actividades que se ofrecerán son as seguintes:

- Multideporte: Actividade de carácter deportivo multidisciplinar. Esta actividade dá a posibilidade de iniciarse en varios deportes coa finalidade de que se poida escoller o que máis adecúe ás posibilidades e/ou intereses das persoas participantes.

- Ximansia de mantemento: Actividade dirixida que se basea nun conxunto de actividades encamiñadas á conservación e mellora da condición física, alcanzando un estado físico óptimo mediante o desenvolvemento de exercicios físicos de mantemento, tonificación e coordinación de forma xeral.

- Acondicionamento físico e aeróbico: O aeróbic é un tipo de exercicio capaz de estimular a actividade cardiovascular e respiratoria durante un tempo o suficientemente longo, como para producir no noso corpo determinados beneficios como mellorar a saúde, previr enfermidades, mellorar a forma física, incrementar o ritmo metabólico, eliminar graxas de reserva e reducir a tensión.

- Pilates: Traballa a musculatura profunda e superficial unindo aspectos do concepto de actividade física occidental e oriental a través de exercicios dinámicos, control do movemento, fluidez e respiración.

- Actividades para persoas con capacidades diferentes: Actividade física baseada na adaptación da tarefa ás capacidades de cada individuo. Dentro deste tipo de actividade englóbanse todas aquelas modalidades deportivas que se adecúan a persoas con diferentes capacidades, ben porque se realizaron unha serie de adaptacións e/ou modificacións para facilitar a práctica a ese colectivo, ou porque a propia estrutura do deporte permite a súa práctica sen adaptacións relevantes.

- Ximnasia Rítmica: A ximnasia rítmica é unha disciplina que combina elementos de ballet, ximnasia, danza e o uso de diversos aparellos como a corda, o aro, a pelota, as mazas e a cinta.

0.17582011222839