Preto de 400 médicos participan voluntariamente no Plan de Reforzo Sanitario de Verán da Xunta

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O conselleiro de Sanidade revisa o funcionamento do plan estival nas sete áreas sanitarias e asegura a dispoñibilidade total de camas e servizos para cubrir a demanda asistencial
Imaxe recurso de médicos
15 Ago 2024

Preto de 400 médicos están a colaborar de forma voluntaria no Plan de reforzo estival posto en marcha pola Xunta para garantir a asistencia sanitaria no período de vacacións dos profesionais.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, visitou esta semana as sete áreas sanitarias para revisar cos respectivos equipos directivos o funcionamento do Plan de cobertura sanitaria no verán e abordar o dispositivo asistencial disposto para a próxima ponte festiva.

O conselleiro tratou cos responsables das áreas a situación e o dispositivo de gardas de urxencias hospitalarias e extrahospitalarias, así como as camas de hospitalización, que están dispoñibles ao 100% para seren usadas se así o require a demanda asistencial.

A planificación e previsión de camas hospitalarias no verán realízase en función de estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores e tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública de garantir a calidade asistencial dos pacientes, sendo este ano máis dun 10% superior á da actividade que se realizou o pasado ano.

Nas xuntanzas, o conselleiro puido comprobar que a presión asistencial nos hospitais está no mesmo nivel que outros anos e que, en virtude do plan posto en marcha pola Xunta, se acometeu unha reordenación provisional, puntual e xustificada de determinados servizos para concentrar a asistencia sanitaria en centros de referencia e poder así cubrir a máis pacientes e durante un horario máis amplo.

A Consellería de Sanidade elabora anualmente unha planificación na que se organizan os recursos para esta época do ano, tanto a nivel humano como a nivel de infraestruturas, ao tratarse dun período no que o dereito á prestación sanitaria se mestura co que teñen os traballadores da sanidade pública galega de gozar das súas merecidas vacacións.

 

Reforzo de persoal

En concreto, neste verán, a Xunta puxo en marcha un Plan de cobertura estival con medidas ordinarias e extraordinarias e unha partida de 12,5 millóns de euros co fin de garantir a calidade da asistencia sanitaria, máis tendo en conta o contexto xeneralizado de falta de profesionais sanitarios nas listas de contratación, un problema de responsabilidade do Goberno de España.

 

Así, a Xunta impulsou unha bolsa de voluntarios para a cobertura dos Puntos de Atención Continuada; un programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; unha oferta de mobilidade temporal e voluntaria cara a aqueles centros que precisen reforzos; e a encomenda de funcións aos médicos residentes de cuarto curso, para que poidan axudar no verán de xeito voluntario, incentivado e baixo supervisión.

 

Deste xeito, reforzáronse os centros de saúde, os PAC e urxencias hospitalarias con 111 médicos residentes, 104 de medicina familiar e comunitaria e 7 de pediatría, que se sumaron á encomenda realizada polo Sergas nos últimos meses da súa formación. Tamén na bolsa de voluntarios aberta para o reforzo das coberturas hai agora mesmo anotados arredor de 300 profesionais e 21 médicos do 061 están participando no programa de reforzo da Xunta.

 

En base a este operativo, a cidadanía galega ten garantida a atención sanitaria, porque ou ben é atendida no seu propio centro de saúde, ou hai un médico que se despraza, ou se lles asigna un centro de referencia da contorna. Ademais, disponse dos recursos asistenciais de urxencias, tanto nos puntos de atención continuada como nos propios hospitais, ademais do servizo que presta o 061 en toda Galicia.

 

Nas reunións, o conselleiro de Sanidade trasladoulles aos equipos directivos unha mensaxe de agradecemento para todo o persoal que está a colaborar neste dispositivo asistencial para o verán, pola súa profesionalidade e implicación.

 

0.19349217414856