Preto de 400 persoas da Terra Chá e Meira poderán apuntarse no programa formativo Axenda 20
Un total de 390 persoas sen emprego poderán mellorar a súa cualificación a través dunha oferta de 26 cursos nas comarcas da Terra Chá e Meira a través do programa Axenda 20.
Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios dos cursos. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.
A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial. A inserción laboral alcanzada en pasadas edicións por este programa aproximouse ao 60%.
O alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/
Ofértanse cursos nos principais sectores da economía galega, como son as TIC, o comercio e márketing, enerxías renovables ou a sanidade e os servizos sociais, entre outros. Cada curso ten unha media de duración de 6 meses.
Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.
A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal.